DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Asinado na Coruña polos tres reitores e representantes sindicais

O novo convenio do PDI traerá melloras salariais a 2000 traballadores

Este acordo aproxima os dereitos do persoal docente e dos investigadores aos dos funcionarios

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 03/02/2011
Noemí Rey | Vigo
Unha “longa e complexa” negociación que chega a bo porto. As Universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña acaban de asinar un convenio colectivo único para o persoal docente e investigador (PDI) que recolle importantes medidas para a equiparación laboral nas tres universidades e a mellora salarial para un sector que tradicionalmente viña tendo unhas condicións laborais “inferiores” ás dos funcionarios e funcionarias. Dous anos de tira e afrouxa con representantes das centrais sindicais CIG, CCOO, UGT e CSIF para un acordo que beneficiará a máis de 2000 traballadores dos campus galegos e que por primeira vez recolle aos investigadores contratados a través de programas estatais ou autonómicos, como o Parga Pondal, o María Babeito e o Ramón y Cajal, e aos predoutorais propios das tres universidades galegas.

O convenio, con validez ata finais de 2011, desenvolve polo miúdo temas de acción social, permisos e vacacións para o que se tivo en conta tanto a normativa autonómica como a estatal. “Para nós é un momento de ledicia chegar a un acordo cos axentes sociais, porque vai no noso ADN a negociación colectiva. Pensamos que chegar a acordos comúns é fundamental para lograr a maior calidade de vida laboral posible”, explicou Salustiano Mato, reitor de Vigo, tras o acto de sinatura oficial na Reitoría da Maestranza da Universidade da Coruña. Os máximos responsables das universidades galegas mostráronse moi contentos coa firma dun convenio que o reitor da Coruña, José María Barja, calificou en nome de todos como “bo” para o avance e o reforzo destas tres entidades.

Para os representantes sindicais chegar a este acordo é unha “satisfacción, sobre todo nestes tempos difíciles”. Ademais, non todas as comunidades autónomas contan cun acordo semellante, que unifique criterios e introduza melloras para as categorías docentes. “Traballar unidos dende as tres universidades debe ser o noso leif motiv para conseguir un Sistema Universitario Galego único, forte e equilibrado”, reiterou Mato.