DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O e-learning centra os esforzos de formación da Vicerreitoría de Alumnado Docencia e Calidade

Un novo curso achega ao persoal docente a utilización da plataforma de teledocencia Claroline

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Anabel Vila DUVI 25/01/2011
O programa TEMA é o núcleo do novo curso para o persoal docente organizado pola Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade que manterá aberto o seu prazo de matrícula ata o 13 de febreiro. Trátase de dar a coñecer unha plataforma que naceu co obxectivo de ser un complemento virtual da docencia presencial. Dentro dela, o profesorado administra o contido das súas materias, mediante a utilización das ferramentas que estean a súa disposición. Con este curso preténdese introducilos no seu uso e manexo para o seu labor docente.

Este é o obxectivo sobre o que Sonia Álvarez, a encargada de impartilo, traballará cos docentes, que tratarán de adquirir nocións prácticas sobre o uso e funcionamento das distintas ferramentas dispoñibles na plataforma Claroline “unha ferramenta de e-learning incluída dentro do programa de telematerias”, para o deseño, a publicación e a administración de cursos virtuais (tanto de apoio á docencia como exclusivos na rede). O curso “está destinado a profesores sen apenas coñecemento neste eido”, explica Álvarez, xa que no obradoiro tamén se abordará a planificación, deseño e elaboración de material docente para unha disciplina empregando TEMA. Ademais, e posto que o curso ten un gran compoñente activo, presentaranse distintas experiencias de aplicación e uso da plataforma, co fin de intercambiar experiencias sobre o seu uso no ensino universitario.

Trátase dun curso eminentemente práctico, polo que a cada docente que participe nel asignaráselle un espazo de proba na plataforma Claroline para que inicie a montaxe da súa materia e practique con cada un dos recursos que atope, “para que empecen a traballar con ela”. Búscase que os docentes aprendan a publicar información e propor actividades utilizando as diversas accións posibles como son a axenda, os anuncios, os documentos, os exercicios, o cuestionario ou o foro. A partir de aí, na parte virtual do curso, terán que elaborar un plan para un módulo xeral onde se inclúa o programa da súa materia e toda a información que o docente considere pode servir para o funcionamento xeral do mesmo. Ademais, deben elaborar unha unidade didáctica (módulo, capítulo) con: obxectivo(s), lecturas ou material dispoñible, actividades, avaliación... “Teñen que subilo á plataforma, uns mínimos, para poder traballar sobre eles”, explica Sonia Álvarez. Partindo deste plan deben realizar un guión no que especifiquen os recursos de Claroline que van utilizar para publicar os distintos compoñentes do módulo xeral de introdución e da unidade didáctica.

“A segunda sesión presencial será de apoio, unha vez que suban todo o material . Éste pode ser, incluso, o definitivo da súa materia”, recoñece, xa que o obxectivo do curso é que “cando remate podan empezar a utilizar o e-learning”, asegúrase dende o Servizo de Teledocencia. Na última clase terán que expoñelo diante dos compañeiros "e de profesores invitados que levan máis tempo utilizando Claroline para que lles conten a súa experiencia, cales son os puntos fortes ou débiles que atopan, como solucionan os problemas nas aulas, como o utilizan para planificar grupos…”, abrindo así o debate e a análise en grupo que farán na última sesión.

Matrícula e horario

O curso, que se desenvolverá en modalidade semipresencial, celebrarase os días 15 e 22 de febreiro, de 16.00 a 20.00 horas, e o 23 do devandito mes, de 16.00 a 18.00 horas, no campus de Vigo. Para obter o certificado de asistencia os participantes, 20 por orde de preinscrición na plataforma Bubela, deberán estar presentes, polo menos, en catro sesións completas das cinco que ten o programa.