DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Última semana para formalizar a matrícula

Un novo curso dirixido aos docentes analizará as posibilidades da Web 2.0 para promover a aprendizaxe cooperativa nas aulas

Desenvolverase a partir do 23 de novembro na Casa das Campás

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
E.L. Castro DUVI 16/11/2009

O espazo web estase a transformar nun gran foro de comunicación e cada vez existen máis ferramentas que permiten crear contidos de xeito sinxelo e compartilos con outros usuarios da rede (Blogger, Wikispaces, Slideshare, Del.icio.us, Bloglines, Flickr... ). A nova Web 2.0 supón unha forma diferente de deseñar, usar e pensar en Internet na que os usuarios pasan de ser consumidores de información a participar activamente na elaboración de contidos. Estes cambios tamén se están reflectindo no mundo educativo, onde estas ferramentas se están introducindo pouco a pouco. Precisamente dar a coñecer as aplicacións da nova Web 2.0 entre a comunidade docente da Universidade é o obxectivo do curso Aplicacións Educativas da Web 2.0 que tamén pretende analizar a súa utilidade nas aulas “para promover unha aprendizaxe cooperativa e achegar o coñecemento a través das conexións establecidas entre o traballo en grupo do alumnado e non de xeito individual”, como indica Pedro Cuesta, o profesor do curso. Organizado pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa, desenvolverase durante os días 23, 25, 27 e 30 de novembro en horario de 10.00 a 14.00 horas, na aula de informática da Casa das Campás.

Aplicacións de Google, marcadores, redes sociais, blogs e wikis

Ao longo deste curso o persoal docente asistente familiarizaranse con aplicacións de Google como Groups, Talk, Calendar ou Docs; aprenderán a manexar o soporte para publicar presentacións Slideshare, marcadores sociais como Mister-Wong e Cite-ULike e redes sociais como Xing; e verán como sindicar contidos a través de agregadores como Google Reader ou páxinas de inicio como Netvives. Todas estas aplicacións permiten o que se denomina “computación na nube, é dicir, acceder a todos os elementos precisos para desenvolver o traballo a través dun navegador”, precisa Pedro Cuesta. Con elas pódese, desde editar e compartir documentos en liña ata organizar os sitos da rede favoritos, crear listas de recursos web e referencias bibliográficas e compartilas ou visualizar os contidos das webs ás que estamos subscritos conxuntamente nunha mesma páxina. Segundo Cuesta, a maioría delas atópanse na lista das 100 mellores ferramentas de aprendizaxe, elaborada polo Centro para as Tecnoloxías da Aprendizaxe británico. O profesor sinala que son de utilidade “tanto dentro das aulas como nos grupos de investigación e para intercambiar material entre a comunidade docente”.
Boa parte do curso estará centrado na creación de blogs e wikis, dúas ferramentas que permiten a edición e xestión de contidos simultánea entre varios usuarios e que lle serven ao persoal docente para fomentar o traballo en grupo. En ambos os dous casos realizarase un exercicio práctico, para o que se empregarán o Blogger e o Wikispaces.
As bitácoras e, sobre todo, as redes sociais, son aplicacións da Web 2.0 xa moi populares entre os alumnos. Con todo, Pedro Cuesta pensa que a brecha dixital que se di que existe entre estudantes e docentes non é tan acusada. “Moitos alumnos coñecen estas ferramentas, pero logo pasan moito tempo en Twitter e non saben sacarlle partido”. O importante, sinala o profesor, é aumentar a “competencia dixital” tanto do alumnado coma do profesorado e aplicar estes recursos gratuítos da web “ás novas metodoloxías educativas de acordo co Espazo Europeo de Educación Superior (EEES)”. Serán moitas as ferramentas que se estudarán nos cinco días que dura o curso, polo que logo cada docente terá que elixir cales son as máis axeitadas ás súas técnicas pedagóxicas. O programa completo pode consultarse na plataforma de xestión académica Bubela.

Matrícula a través da plataforma Bubela

Este curso insírese dentro das actividades do Programa de formación permanente de profesorado, organizado pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa , a través da súa Área de Innovación Educativa. O prazo de inscrición remata o vindeiro venres día 20 de novembro. Ofértanse en total vinte prazas e a matrícula pode realizarse a través da plataforma Bubela. Aqueles que acrediten ter acudido ao mínimo de sesións establecidas recibirán a certificación da Universidade.