DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Novo curso de Openoffice para refrescar os coñecementos en sofware libre

O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o próximo xoves día 3 de xuño

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
E.L. Castro DUVI 31/05/2010

As vantaxes do software libre son múltiples, entre elas, a súa dispoñibilidade gratuíta na rede, o seu manexo sinxelo, a súa fácil actualización e a súa mellora continúa e colectiva por parte dos usuarios. O paquete ofimático Openoffice, equivalente ao Microsoft Office, converteuse na recompilación de programas de oficina de código aberto máis empregada. Abrangue un procesador de textos, aplicacións para realizar follas de cálculo e bases de datos, un programa para crear presentacións multimedia e ferramentas para o debuxo vectorial, o que o fai de gran utilidade no contexto universitario. Co obxectivo de dalo a coñecer entre a comunidade docente, refrescar os coñecementos en software libre e promover un uso especializado das novas tecnoloxías nas aulas ofrécese o curso Openoffice e o seu uso na docencia universitaria.
Trátase dunha actividade do Programa de Formación Permanente de Profesorado da Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa, que chega a Pontevedra tras realizarse no campus de Vigo no mes de marzo. O prazo de matrícula estará aberto ata o próximo xoves día 6 de xuño e pode formalizarse a través da plataforma Bubela da Área de Posgrao Virtual. Ofértanse en total 20 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. As clases terán lugar entre o 7 e o 14 de xuño na Escola Universitaria de Fisioterapia e estarán impartidas por un experto na materia, o profesor da ETS de Enxeñaría Informática Xosé Antón Vila Sobrino. A asistencia será certificada pola Universidade de Vigo a todos aqueles que asistan ao 80% das sesións.

Prácticas guiadas e material dispoñible na web

Este seminario está dirixido a todos os docentes da Universidade, con preferencia para aqueles que non teñan realizado ningunha das súas edicións anteriores e tampouco o curso titulado Elaboración de materias docentes empregando ferramentas informáticas gratuítas. Con dez horas de duración, pretende tamén que o profesorado se familiarice coas distintas ferramentas das que dispón a suite Openoffice para que saiban como aplicalas na súa actividade docente. Analizaranse as súas semellanzas e diferenzas con respecto ao Microsoft Office para demostrar que se poden realizar as mesmas actividades con aplicacións de balde. A metodoloxía empregada será fundamentalmente a de realización de prácticas guiadas e o material empregado estará permanentemente dispoñible na web.