DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Novo curso para pórse ao día en Openoffice e o seu uso na docencia universitaria

Organizado pola Área de Innovación Educativa, o período de matrícula estará aberto ata o 4 de marzo

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 02/02/2010
Ante o reto de estar constantemente ao día nas últimas tendencias da docencia con novas tecnoloxías, os profesores do campus seguen a formarse na elaboración das súas materias docentes empregando ferramentas informáticas gratuítas. Así o farán ao longo do vindeiro mes co curso Openoffice e o seu uso na docencia universitaria, unha actividade na que afondarán na utilización dos programas máis empregados nas oficinas e que comprende un procesador de textos, unha folla de cálculo, presentacións, ferramentas para o debuxo vectorial e base de datos, todo de código aberto e software libre.
Organizado pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa, a docencia do curso correrá a cargo dun experto na materia, o profesor da ETS de Enxeñaría Informática, Xosé Antón Vila Sobrino, que se desprazará ata o campus de Vigo para explicarlles aos seus compañeiros docentes as múltiples posibilidades que ofrecen estes sistemas operativos.

Dez horas de “prácticas guiadas”

O seminario, de dez horas de duración, terá lugar os días 8 e 15 de marzo de 10.00 a 14.00 horas e o 22 de marzo de 10.00 a 12.00 horas. Serán tres sesións dirixidas a calquera docente que estea interesado en aplicar as novas ferramentas do software libre ás súas materias, se ben terán preferencia aqueles que non realizaran ningunha das edicións do curso Elaboración de materias docentes empregando ferramentas informáticas gratuítas.
A metodoloxía empregada será fundamentalmente a de “prácticas guiadas” e todo o material do curso estará permanentemente dispoñible na web. Entre outros temas, practicarase con procesadores de texto, presentacións multimedia, follas de cálculo e ecuacións matemáticas, bases de datos e tamén programas de debuxo.

Inscrición e matrícula

O curso, que xa ten aberto o período de matrícula, conta con 20 prazas que se irán cubrindo por rigorosa orde de inscrición. A reserva de praza pode facerse a través da plataforma dixital, Bubela, ou tamén pedindo información no teléfono 986813596 ou no correo electrónico formacion.profesorado@uvigo.es. A asistencia será certificada pola Universidade de Vigo a todos aqueles que asistan ao 80% das sesións.