DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha visita guiada que se celebrará o venres 29 de xuño

O novo edificio do Campus da Auga ábrese á ollada da cidadanía

Organizada pola delegación en Ourense do Colexio Oficial de Arquitectos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
DUVI Ourense 25/06/2018

Aproximadamente cada último venres de mes, a delegación en Ourense do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia organiza unha visita guiada a un enclave da cidade. Baixo o nome Olladas na rúa, a iniciativa, que xa superou as 40 visitas, quere ofrecer aos cidadáns unha nova visión sobre elementos arquitectónicos que forman parte da súa contorna e da súa vida cotiá. Este venres, 29 de xuño, será a quenda do novo edificio do Campus da Auga. 

Olladas na rúa, explican as e os seus promotores, xurdiu coa idea de que hai que “educar a mirada igual que se educa o padal” e que a “arquitectura é una experiencia moi profunda nas xentes, que aínda non sabendo dela, a entenden”. Por este motivo, cada visita conta coa participación dalgunha das persoas que participou no deseño da arquitectura do espazo que se visita e dalgún dos seus usuarios. Desde a súa posta en marcha, esta iniciativa xa se ten achegado ás instalacións universitarias en diversas ocasión para coñecer edificios como o da biblioteca universitaria ou o da escola infantil do campus. 

Recentemente inaugurado

A visita ao novo edificio do campus de Ourense, aberta ás persoas interesadas, terá lugar ás 19.00 h e contará coa participación de, ademais dalgún dos seus arquitectos ou arquitectas, de Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense. Ao longo da actividade, o público poderá percorrer as instalacións do edificio e coñecer detalles da súa concepción, deseño e funcionalidade, entre outras cuestións. O deseño do edificio do Campus da Auga, inaugurado o pasado 6 de xuño, foi de Oikos Estudio e estivo asinado por Alfredo Freixedo, Pedro Diéguez, Mª del Carmen Rodríguez, Raquel González, Francisco Javier López e Daniel Carvajal. A construción correu a cargo de Obras e Servizos Gómez Crespo e desenvolveuse desde o verán de 2016 ata finais de 2017. O novo edificio, de tres plantas e máis de 3500 metros cadrados, contará con doce laboratorios de investigación e catro laboratorio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e no seu deseño fíxose fincapé na súa sustentabilidade.