DUVI

Diario da Universidade de Vigo

30 preinscritos na terceira edición do máster impartido en colaboración co Centro Tecnolóxico AIMEN

Novo éxito de convocatoria no mestrado en Enxeñería da Soldadura

O prazo de matrícula permanecerá aberto durante todo o mes de setembro

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI 23/09/2011
A demanda de profesionais cunha alta formación no campo das tecnoloxías da unión aumentou de xeito considerable nos últimos cinco anos, de aí o novo éxito de convocatoria da terceira edición do Máster en Enxeñería da Soldadura, que xa conta con 30 preinscritos e que manterá o prazo de matrícula aberto durante todo o mes de setembro. Así o transmitiu o coordinador deste posgrao, Enrique Porto, durante a presentación do programa docente e académico ao alumnado da Universidade de Vigo, que colabora co Centro Tecnolóxico AIMEN na posta en marcha dun curso pioneiro en España que capacita ao seu estudantado a obter o Diploma de Enxeñeiro ou Técnico Internacional de Soldadura emitido por CESOL, a única entidade nacional autorizada polo Instituto Internacional de Soldadura (IIW) e pola Federación Europea de Soldadura para conceder esta certificación de prestixio mundial.

Con medio centenar de alumnos matriculados o pasado ano, un 25% máis que na primeira edición, o mestrado rematou cunha porcentaxe de éxito do 80%. Estes estudos naceron en 2008 co obxectivo de dar resposta á demanda do tecido produtivo de Galicia e que as empresas galegas gañaran en diferenciación a través da calidade, da produtividade e da especialización, o que fixo fundamental a estreita colaboración entre Universidade e industria para adecuar ao Espazo Europeo de Educación Superior o curso de Enxeñeiro Internacional de Soldadura que AIMEN viña impartindo xa dende 2003. En total, nestes sete anos 127 alumnos pasaron polas aulas para especializarse no ámbito da tecnoloxía da unión, dos que 116 obtiveron o diploma de Enxeñeiro Internacional de Soldadura (IW) e outros 7 o de Técnico Internacional (IWT).

Cubrir carencias

O máster trata de cubrir a carencia no coñecemento de distintos tipos de materiais e das novas tecnoloxías aplicables ao campo da soldadura para poder situar ao alumnado ao nivel doutros países e acadar un maior índice de penetración, tanto no mercado interior como no internacional. Cun perfil eminentemente profesionalizante, no posgrao prevalece unha visión práctica e profunda do sector compaxinada con contidos científicos e tecnolóxicos.

A listaxe definitiva, o 10 de outubro

O alumnado interesado en inscribirse ou en ter máis información pode dirixirse á Sección de Posgrao da Secretaría da Escola de Enxeñeiros Industriais, chamar ao teléfono 986 818 628 ou enviar un correo electrónico a posgraotecno@uvigo.es. As listas definitivas dos estudantes admitidos nesta convocatoria faranse públicas o vindeiro 10 de outubro.