DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recibiu en Málaga o Premio Skål Europe de Turismo Sostible

Novo galardón internacional para o proxecto europeo rurAllure

O xurado destacou que “entraña oportunidades notables para o medio rural”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • HRS4R
  • Premios
  • Investigación
DUVI 06/11/2023

Continúa a colleita de premios para o proxecto europeo rurAllure, liderado pola Universidade de Vigo e dirixido a divulgar o patrimonio cultural que rodea as grandes vías de peregrinación de Europa. Se hai apenas uns días recibía na cidade chipriota de Paphos o premio Destination of Sustainable Cultural Tourism 2023 na décima edición dos ECTN Awards, esta fin de semana fíxose cun novo galardón, neste caso o Skål Europe de Turismo Sostible entregado durante a celebración en Málaga do 82º Congreso Mundial de Skål International, unha organización profesional que reúne a todos os sectores da industria do turismo e que conta con máis de 12.000 membros en todo o mundo, cunha estrutura articulada en “clubs” presentes en máis de 70 países.

Os Premios Skål Europe de Turismo Sostible avalían proxectos europeos que demostren impactos relacionados coa sociedade, a economía e o medio ambiente. Os proxectos deben ter unha orientación clara cara á sustentabilidade segundo as liñas da Axenda 2030 das Nacións Unidas e os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Segundo destaca o coordinador de rurAllure, Martín López Nores, investigador de atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, o xurado, formado por destacados e distinguidos xuíces de entidades internacionalmente recoñecidas, percibiu achegas en todas estas liñas neste proxecto “en tanto que o turismo que se desenvolve ao longo das rutas de peregrinación (e, por capilaridade, tamén no territorio circundante) entraña oportunidades notables para o medio rural, ten unha pegada de carbono moi inferior a outros modelos e ten demostrado que, aínda que o gasto por viaxeiro adoita ser menor, os cartos chegan a sectores que se ven xeralmente excluídos. O factor de socialización que promoven as experiencias de turismo lento, por suposto, supuxo unha valoración extra”. 

Seguir traballando na expansión do proxecto

Aínda que o proxecto rurAllure atópase xa na súa fase final, o investigador Martín López Nores valora positivamente o traballo realizado ata o de agora sinalando que “o equipo está satisfeito polos recoñecementos, pero tamén somos críticos co noso traballo e, contemplando en retrospectiva, percibimos que moitas cousas podíanse ter feito mellor. Non obstante, o balance é máis que satisfactorio para todos os socios, e nunha autoavaliación poucos dubidariamos en concedernos, cando menos, un notable”. Destaca ademais que “os premios tamén xeran expectativas en terceiros, que non fan senón sumarse á responsabilidade autoimposta de procurarmos o maior aproveitamento posible dos resultados acadados nos próximos anos”.

Desde a coordinación do proxecto destacan tamén a importancia “fundamental” de aproveitar a visibilidade e todos os contactos e expresións de interese que xera recibir este tipo de galardóns, , “sen ir máis lonxe, na entrega dos premios Skål Europe de Turismo Sostible iniciamos conversas moi prometedoras con axentes dos Balcáns e dos países bálticos, así como de Australia, Ecuador e México. Estou seguro de que concretaremos colaboracións que darán continuidade a esta liña de traballo”.

Para os próximos tempos o equipo ten previsto rematar o traballo comprometido coa Comisión Europea, a través dunha última remesa de documentos, entre eles o Plan de Explotación e Sustentabilidade, onde se recolle a necesidade de conxugar as expectativas e os intereses dos socios coa realimentación que foron recibindo de todo tipo de axentes. “Ademais do impacto acadado nos experimentos pilotos, da documentación de boas prácticas e da elaboración de recomendacións para o desenvolvemento futuro das rutas de peregrinación coma unha megainfraestrutura europea de turismo lento, hai que apoiar o crecemento da rede de cooperación que constituímos baixo a denominación de European Cooperation Network along Pilgrimage Routes e, igualmente, procurar acadar unha masa crítica que garanta a viabilidade da plataforma tecnolóxica que construímos para xestionar puntos de interese, plans de viaxe e narrativas multimedia».