DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comezará a impartirse no curso 2010-2011 con 150 prazas

O novo grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Comunicación porá no mercado especialistas que respondan aos novos retos das TICs

A alta taxa de colocación destas titulacións é o principal aval para a súa posta en marcha

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Raquel Feijóo DUVI 25/06/2010

Un informe do ano 2009 sobre a situación laboral dos enxeñeiros de telecomunicación en Galicia revela que o 96% destes titulados exerce o seu traballo neste campo, polo que o desemprego afecta só ao 4%. Empresas consolidadas no mercado como Blusens e Airbus, compañías financeiras como o BBVA, o Santander e Caixanova e institucións públicas como a Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia botan man cada ano dos estudantes que apostan por esta rama da formación e do coñecemento.

Raúl Rodríguez Rubio, subdirector de Relacións Externas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, amosa estes datos como aval da nova titulación que se vai impartir no centro a partires do vindeiro curso académico 2010-2011, o grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación. O acto de presentación destes estudos tivo lugar este venres no Centro Social Caixanova e, no seu transcurso, Rodríguez Rubio subliñou “a capacidade de aprendizaxe e de adaptación aos cambios, os sólidos coñecementos técnicos e a capacidade para traballar en equipo e para dirixir grupos” como as principais calidades que adquirirán os alumnos e alumnas que aposten por esta nova proposta formativa. A oferta de prazas para o primeiro curso de implantación do grao ascende a 150.

Catro ramas de especialización nunha soa titulación

Segundo explicou Rodríguez Rubio, este novo grao pertence á área das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TICs), polo que as súas ensinanzas vanlle permitir ao alumnado adquirir os coñecementos necesarios para adquirir, producir, almacenar, tratar, comunicar, rexistrar e presentar datos, informacións e contidos en sinais de natureza acústica, óptica ou electromagnética.

O grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación componse de catro anos nos cales o alumnado poderá apostar por unha das catro especialidades que oferta: Telemática, Sistemas Electrónicos, Sistemas de Telecomunicación e Son e Imaxe. No comezo do curso o estudante deberá superar un módulo de formación básica para continuar despois cun módulo común de Telecomunicación. Os módulos de perfil tecnolóxico impartiranse no terceiro curso da titulación, ano no que o estudante deberá escoller unha das catro ramas propostas. O docente afirmou que este deseño vaille permitir ao alumnado que supere o terceiro curso “adquirir xa todas as competencias que o habilitan para a profesión dunha das ramas de Enxeñaría Técnica de Telecomunicación a excepción das contidas no traballo fin de grao, así como a mobilidade no último curso da titulación”, sinalou.

Unha formación actualizada no campo das TICs

No primeiro cuadrimestre do cuarto curso da titulación o alumnado compaxinará o estudo de cinco materias coa realización de prácticas en empresas ou co desempeño de labores sociais, deportivas ou culturais. Os proxectos de enxeñaría e o traballo fin de grao completan o último cuadrimestre de cuarto curso destes estudos.
Rodríguez Rubio sinalou que a finalidade do centro coa posta en marcha desta nova titulación “é a de ofrecerlle aos nosos alumnos e alumnas unha formación actualizada no campo das TICs así como capacidade para xestionar un sistema ou proceso deste ámbito”, declarou. Capacidade de estudo e vontade de traballo, creatividade e capacidade de innovar, habilidades para o traballo en equipo, facilidade para adaptarse aos cambios tecnolóxicos e interese polas TICs son, segundo o docente, as calidades que se esperan dos estudantes que decidan cursar este novo grao.

Na súa intervención Rodríguez Rubio sinalou que hai dous anos non había TDT, que hai doce Internet era unha rede para investigadores e que hai vinte os móbiles só saían nas películas do futuro “e eran maletíns”. Unha realidade subliñada polo docente para afirmar que “a sociedade mudou cara un mundo no que as novas tecnoloxías ocupan un lugar moi importante nas nosas vidas”. Nesta contorna, as telecomunicacións cumpriron –e seguen a cumprir- un papel fundamental nun proceso de cambio que require de profesionais que asuman con éxito os novos retos que traen consigo as novas maneiras de comunicarse, informarse, relacionarse e entreterse, obxectivo que quere cumprir esta nova Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación.