DUVI

Diario da Universidade de Vigo

'Remoss' ten como obxectivo mellorar a actuación do socorrista en momentos de fatiga

Un novo grupo de investigación converte á Universidade en pioneira no estudo do rescate acuático

Aínda que de recente creación, o equipo xa conseguiu publicar en revistas de relevancia internaciona

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 30/10/2012

Unha diferenza de segundos ou un mínimo detalle poden supor o éxito ou o fracaso dun rescate na auga. Co propósito de mellorar o protocolo de actuación da profesión de socorrista, investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte coñecedores do medio acuático decidiron unir forzas e crear o grupo de investigación Remoss, Rendemento e motricidade do salvamento e socorrismo, pioneiro a nivel internacional en avaliar os parámetros fisiolóxicos do rescate acuático e as posibles consecuencias que teñen sobre a intervención no afogado.“Somos innovadores na metodoloxía que estamos a empregar no ámbito do socorrismo, tentando valorar cientificamente a calidade das manobras de primeiros auxilios realizadas polo rescatador para redundar nunha mellora na intervención sobre a persoa que sofre o afogamento”, explica Roberto Barcala, investigador principal do grupo.

Segundo os propios docentes que conforman Remoss, o socorrismo non é un campo de estudo moi desenvolvido no ámbito internacional e “as evidencias que hai ben son escasas, ben sen rigor científico, polo que podemos dicir que estamos partindo de cero”, subliña Barcala, de aí que o grupo oriente nestes momentos todos os seus esforzos “a recoller datos nos traballos de campo que realizamos de forma periódica”. Así, o equipo de investigadores atópase inmerso no deseño dun protocolo de intervención para un socorrista en situación de fatiga “que é o seu estado normal tras o esforzo do nado”, matiza o director do grupo, producíndose como consecuencia unha perda na calidade dos exercicios de reanimación. “Ante esta falta de eficiencia, nós propomos solucións como o emprego de mecanismo automáticos de compresión ou o relevo máis precoz do rescatador”, exemplifica Barcala que engade que estas achegas están sendo “moi ben acollidas” pola comunidade científica internacional. “O noso obxectivo final é que estes apuntamentos se reflictan nas recomendacións das guías científicas para reanimación nun futuro”, salienta.

Traballo en rede

Este novo equipo de traballo especializado en mellorar a profesión de socorrista ten as súas orixes no seo do grupo de investigación GIAAS da Universidade de A Coruña, dirixido polo profesor José Palacios. “Moitos ex alumnos e alumnas da universidade coruñesa acabamos vinculados profesionalmente á de Vigo e quixemos continuar a súa liña de traballo asociados con eles pero cun grupo propio e máis específico”, apunta Barcala, que “forma equipo” con outros 14 investigadores e colaboradores: Vicente Romo, Javier García, José María Pazos, Cristian Abelairas, Marcos Mecías, Antonio Bores, Javier Rico, Adrián Paz, Roberto Silva, Patricia Gándara, Tamara Pérez, Lucía Peixoto, Rubén Navarro e Javier Costas. “Acostumamos traballar en rede para o que estamos interconectados directamente uns con outros”, apunta o investigador principal.

Os primeiros meses de “duro traballo” xa comezan a dar os seus froitos e a pesar do recente da súa constitución, varios membros do grupo acaban de publicar un artigo nunha revista de referencia mundial do eido das emerxencias médicas sobre as primeiras evidencias da influencia da fatiga no rescate acuático. “Coido que é un comezo moi ilusionante, grazas en parte a contar cun equipo moi competente e con ganas de traballar”, destaca Barcala, que se sente incentivado para continuar o seu labor investigador “non só polos méritos científicos, senón porque somos conscientes de que o que estamos facendo pode ser útil para a vida humana”, conclúe.