DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mes convocarase a segunda edición dos Premios We Sea

Novo impulso á alianza con Jealsa para premiar os traballos fin de grao e mestrado máis ‘verdes e sostibles’

O reitor reuniuse coas gañadoras da primeira edición dos galardóns e responsables da empresa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Académica
D. Besadío DUVI 08/05/2023

Premiar os traballos fin de grao e fin de mestrado realizados polo alumnado da Universidade de Vigo que se distingan por ser especialmente relevantes en temáticas relacionadas coa sustentabilidade e a economía circular. Este foi o obxectivo co que a institución académica viguesa e a empresa Jealsa, líder na fabricación e distribución de conservas de peixe e marisco, lanzaron hai xusto agora un ano a primeira edición dos Premios We Sea, galardóns que teñen vocación de continuidade e dos que este mes se convocará unha nova edición. Así se acordou este luns nunha xuntanza entre o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e a responsable de Relacións Institucionais da empresa, Margarita Hermo, e á que tamén asistiron as dúas estudantes premiadas na primeira edición, Ana Isabel Baanate e Raquel Barciela, xunto á vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini.

1000 euros e tres meses de prácticas na empresa

Cada un dos premios consistirá, ao igual ca na anterior edición, nunha axuda en metálico de 1000 euros e na realización de prácticas remuneradas -650 euros brutos mensuais- por un período de tres meses nalgún dos centros de traballo na sociedade de Conservas Rianxeira -Jealsa- na comarca do Barbanza. Tal e como se explicou tras a xuntanza, os premios van dirixidos ao alumnado con TFG e TFM defendidos no curso 2022/2023 cunha cualificación igual ou superior a oito puntos e cuxas temáticas estean relacionadas con sustentabilidade e, máis concretamente, orientados á consecución dalgunha das metas incluídas no ODS 14 -Vida submariña, conservar e utilizar sostiblemente os océanos, mares e recursos mariños-; e economía circular, en concreto, o ODS 12 -Produción e consumo responsable: garantir modalidades de consumo e produción sostibles-.

“Nuns días convocarase a segunda edición e a idea é manter o prazo de presentación aberto ata mediados de setembro para que poidan presentarse todos os alumnos e alumnas que defendan os seus traballos durante xuño e xullo”, explicou a vicerreitora Natalia Caparrini, quen xunto ao reitor e á responsable da empresa, insistiron na idea de que “é unha iniciativa de continuidade que se prolongará de maneira automática ano tras ano”.

Ana Isabel Baanata e Raquel Barciela, gañadoras da 1ª edición

Graduada en Ciencias do Mar, Ana Isabel Baanate Pozo, recibiu o premio ao mellor Traballo Fin de Grao polo proxecto Avaliación da biodegrabilidade de biopolímeros en auga de mar, e Raquel Barciela Sánchez, Máster Universitario en Investigación Química e Química Industrial, ao mellor Traballo Fin de Máster, pola investigación titulada Avaliación de tratamentos enzimáticos en macroalgas orientados á recuperación de compostos de interese para pensos en acuicultura. Os seus foron os dous traballos galardoados  na primeira edición dos premios en recoñecemento, tal e como se destacou na súa resolución o xurado, á súa “claridade, orixinalidade, definición do seu obxecto, pertinencia e relevancia, metodoloxía da investigación empregada, análise de resultados, aspectos formais e proxección que poden alcanzar no ámbito da sustentabilidade e a economía circular”.

No caso de Ana Isabel Baanate, hai un par de semanas que empezou coas prácticas no Departamento de Medio Ambiente na planta do grupo Jealsa-Rianxeira en Boiro. “O meu labor alí é levar a cabo un proxecto de creación dun fertilizante a partir da auga da depuradora da conserveira”, explicou a alumna tras recoller o galardón que a acredita como gañadora da primeira edición dos premios na categoría de Traballo Fin de Grao. “As prácticas non están directamente relacionados co meu TFG, pois no proxecto o que facía era analizar o proceso de degradación de biopolímeros e o seu comportamento debaixo da auga en diferentes condicións mariñas,” explica a alumna, ao que engade que está “moi contenta, pois é unha grande oportunidade para seguir aprendendo”.  Antes de acabar o grao xa tiña decidido continuar formándose en temas relacionados coa sustentabilidade, a economía circular e a Axenda 2030, así que cando coñeceu a existencia destes premios non dubidou en presentarse.

Raquel Barciela, premio ao mellor Traballo Fin de Mestrado, empezará as súas prácticas o vindeiro mes de setembro xa que, no seu caso, decidiu aprazalas ata o vindeiro curso e centrarse este ano na realización do Máster en Profesorado en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas. Realizou as prácticas do Mestrado en Investigación Química e Química Industrial en Anfaco-Cecopesca e alí foi onde coñeceu esta convocatoria de premios. “O meu proxecto estaba centrado na recuperación de proxectos de interese en algas, algo moi relacionado coa economía circular e a valorización dos subprodutos do mar, polo que non dubidei en presentarme ao premio”, explica a alumna.