DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberto un concurso internacional de ideas dotado cun premio único de 12000 euros

O novo logotipo da Universidade de Vigo buscará proxección externa e unidade interna

A idea servirá de base para desenvolver a nova imaxe corporativa

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 23/09/2008

“Coherente, limpa e atrevida”. Estas son, segundo Fernando Suárez, director da Área de Imaxe da Universidade de Vigo, algunhas das características que debe ter a idea para o novo logotipo da institución académica que será elixida mediante un concurso ao que Suárez invitou a participar non só a profesionais, se non tamén a estudantes e a calquera persoa que “pense que pode aportar unha idea potente”.
O concurso internacional de ideas que está dotado cun premio único de 12000 euros pretende en palabras do reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, “trasladar a imaxe dunha institución moderna, atrevida e plural, a través dun logo que identifique as súas virtudes”. Gago que lembrou a transformación experimentada nas últimas dúas décadas polas institucións académicas que pasaron de ser “pechadas e autistas socialmente, a institucións abertas e socialmente activas”, destacou a forte aposta pola imaxe realizada na Universidade de Vigo, reflectida tanto na súa arquitectura como la incorporación das áreas de Imaxe e Comunicación á estrutura da institución.

Criterios de valoración, prazos e xurado

Ata o 16 e outubro poderán os participantes no concurso de ideas presentar as súas propostas que serán avaliadas por un xurado internacional presidido por Lluis Morón, director xeral da Fundación Signes e no que actuarán como vogais Alain Baines e Geoff Fowle, representantes da Central Saint Martins College of Art and Design, considerada como a institución académica de maior prestixio no campo do deseño. Completan o xurado, Alvaro Sobrino, editor de Visual; Fernando Suárez Cabeza e o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, como secretario.
Unha vez seleccionada a idea gañadora, abrirase un novo concurso no que por invitación non máis de tres empresas encargaranse de desenvolver a imaxe corporativa. “Trátase de crear o concepto de marca que leva asociado un logotipo que nos permita recoñecernos”, afirma Fernando Suárez que tamén incide en que “buscando a proxección externa e a unidade interna o logotipo debe aunar funcionalidade e estética”.
Vehiculizar as distintas ofertas de centros, áreas ou servizos que ten a Universidade; propiciar a cohesión interna da comunidade universitaria a través dun símbolo identitario; proxección exterior da institución e expresar os valores anovados da Universidade de Vigo, son algúns dos aspectos da identidade da institución académica que deberán ter en conta nos seus deseños os participantes no concurso.
As bases completas do concurso pódense consultar en: www.imaxe.uvigo.es

Continuidade do escudo

A elección dun novo logotipo que substituirá ao creado en 1989, non implicará a desaparición do escudo da Universidade de Vigo que si ben representa a estrutura, non a marca. “Os escudos non valen para esta misión”, sinalou o reitor, Alberto Gago, que animou a participar ao maior número profesionais e non profesionais que consideren que teñen algo que aportar.