DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dunha matriz gráfica elaborada polos estudantes Miguel Ángel Álvarez e Eugenio J. Táboas

Un novo método matemático axudará a escoller o transporte de residuos máis barato e ecolóxico

A ferramenta avalía todas as alternativas e valora o impacto que pode producir o cambio nunha área d

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 27/05/2013

“O mundo está cambiando. A crise e o crecente respecto polo medio ambiente fan que nos replantexemos cousas que realizamos habitualmente para tratar de facelas mellor e de xeito máis ecolóxico”. Por este motivo, Miguel Ángel Álvarez, estudante da Escola Universitaria de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo, deseñou xunto ao alumno da UNED Eugenio José Táboas un método gráfico para poder valorar as posibles alternativas para o transporte de residuos que axude a escoller o mellor tendo en conta o custe unitario e as emisións que xera. “Na actualidade o traslado de desperdicios faise maioritariamente en camión por estrada, pero en moitos casos podería substituírse por medios como o ferrocarril ou o barco, máis económicos e que xeran menos emisións contaminantes á atmosfera”, sinala Álvarez.

Esta ferramenta permite comparar de xeito claro e gráfico todas as alternativas de transporte (estrada, tren, mar e aire) e desenvolver un concepto previo válido para calquera localización na que se produzan residuos que teñan unha orixe e un destino coñecidos. Para este investigador é moi importante “pensar globalmente, ver onde están as mellores instalacións de tratamento e combinalo co mellor medio de transporte para reinventarnos e poder ser competitivos en materia de xestión de residuos”. E para iso é fundamental estudar e analizar todas as opcións.

Todos os ángulos cubertos

Ao obrigar a calcular os custes de cada unha das opcións, esta matriz gráfica permite explorar distintos métodos loxísticos, detectar se o tradicional traslado por estrada é o mellor ou existen alternativas máis viables e valorar o impacto que o cambio pode producir. Conscientes da posible aplicación práctica da teoría que recolle o proxecto, os autores salientan que é fundamental “aproveitar e reciclar instalacións e infraestruturas que están quedando en desuso para avaliar se para o transporte de residuos pode resultar atractivo” e levalo adiante do xeito non só máis económico, senón tamén máis ecolóxico. “Debemos intentar retirar camións de estradas que en moitos casos, como a AP-9, xa están saturadas. Máis en Galicia, onde diariamente podemos ver traslados de desfeitos do sur cara o norte, onde están gran parte das instalacións de tratamento de residuos”, puntualiza Álvarez.

A sostibilidade ten premio

A preocupación pola ecoloxía e a vertente sostible do proxecto levou a Álvarez e Táboas a acadar o premio ‘APROEMA EDUCA’ da Asociación Profesional de Empresas Medioambientais de Galicia, Aproema, ás iniciativas desenvolvidas por estudantes universitarios centrados na conservación e mellora do medio ambiente na comunidade. Con este galardón, que celebrou no 2012 a súa primeira edición, Aproema quere pór en valor “en tempos difíciles” os esforzos de entidades públicas e privadas a prol do medio ambiente e trasladalos ata a sociedade en xeral.

O proxecto de Álvarez e Táboas, dirixido pola profesora María Pilar López, recolle o espírito innovador da EU de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo, que ao longo dos últimos anos leva introducido nas súas titulacións materias para dar resposta a crecente preocupación social pola conservación do medio ambiente.