DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Editada polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina

Un novo número da revista 'Cumieira' saca á luz a riqueza dos alcumes do Morrazo e do léxico da ‘raia’

Recóllense investigacións realizadas por profesionais novos do ámbito da lingua e literatura galega

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Publicacións
  • Investigación
D. Besadío DUVI 21/03/2022

Un estudo sobre as características lingüísticas de 243 alcumes da parroquia canguesa de Darbo; un sobre as singularidades do léxico raiano galego-portugués; outro sobre a narrativa de Méndez Ferrín; un cuarto sobre a interpretación da paisaxe galega e un quinto sobre as alternancias nas locucións preposicionais. O estudo do galego, desde todas as súas perspectivas, ten canteira e así se demostra no novo número da revista Cumieira, cadernos de investigación da nova Filoloxía Galega, unha ventá coa que sacar á luz os traballos académicos das investigadoras e investigadores máis novos do ámbito da lingua e a literatura galega.

Editada polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina, neste sexto volume da revista recóllense cinco investigacións avaliadas pola comisión de revisión científica da publicación, composta polos profesores da Universidade de Vigo Anxo Angueira, Xosé Henrique Costas, Alexandre Rodríguez Guerra e Xosé A. Fernández Salgado, director da publicación.

Alcumes: “un rico patrimonio lingüístico en serio perigo de extinción”

Manuela a Asturiana, Paulino o Bocanegra, Finucha Correquechove, Gilito o Manicotes, A Rabuxa, Manolo o Tourón... Así ata 243 alcumes recollidos pola investigadora Ángela Otero, graduada en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, na parroquia de Darbo en Cangas do Morrazo. “A pesar de seren fenómenos moi antigos cunha relación moi próxima ao nome propio, os alcuños forman parte dun rico patrimonio lingüístico en serio perigo de extinción, motivado por novos modos convivenciais fortemente influenciados polos ámbitos urbanos”, explica a autora no artigo, un estudo no que expón as características lingüísticas destas “formas expresivas tan antigas coma o propio ser humano”.

Desde o punto de vista da autora, a diferenza do nome propio, “que perdeu totalmente o seu significado léxico”, o alcume orixínase a partir dunha motivación e pode ter diversos creadores, aínda que polo xeral dan conta dalgún trazo característico da persoa á que se refiren dun xeito burlesco, irónico e festivo. “Adoitan estar vencellados ao mundo rural, pero non é estraño tampouco escoitalos nas cidades e, actualmente, na xente nova velos nas redes sociais mediante os chamados nicknames”, recalca a investigadora.

Un léxico propio para 130 quilómetros de fronteira luso-galaica

No caso do filólogo ponteareán Fernando Groba Bouza o seu estudo afonda nas características do léxico raiano galego-portugués a partir da selección e transcrición de testemuños orais de persoas que aparecen en diferentes documentais de televisión existentes sobre a vida na raia.

Trátase de amosar, comparar e analizar, a partir destes testemuños, as características do léxico de diferentes puntos xeográficos que se prolongan a través de boa parte da raia galego-portuguesa, 130 quilómetros fronteirizos que se atopan situados entre os municipios de Castro Laboreiro e Caminha -do lado portugués- e entre os de Lobios e O Rosal -do galego-. “Este estudo trata de abrir, valorar, comprobar e introducir unha nova vía e unha nova ferramenta na laboura da pescuda que axude, de forma complementaria (ou mesmo central), en futuras análises dialectais e xeolingüísticas”, subliña o autor no artigo.

Narrativa de Méndez Ferrín, paisaxe, gramática...

Este sexto número da revista inclúe tamén o artigo de Abraham Castro García, quen examina a obra Retorno a Tagen Ata (1971) de Méndez Ferrín desde o materialismo histórico, entendendo a orixe e estrutura do relato determinadas polo seu servizo social, como medio a través do que difundir o novo nacionalismo galego do momento. No caso de Nuria Bouzas analiza e contrasta a imaxe que sobre Galicia ofrece o xornalista arxentino Arlt en 1934 nas súas crónicas para o bonaerense El Mundo recollidas en Aguafuertes gallegas, unha visión que se distancia dos tópicos que se foran fixando dende o século XVI, ben que tamén se asemella a ela nalgún outro aspecto. 

O volume péchase co traballo de Antonio Martín, que aborda de xeito contrastivo a rendibilidade e os posibles motivos pragmáticos da variación nas preposicións que aparecen nas locucións creadas a partir dos substantivos ‘base’ e ‘respecto’, tanto en galego coma castelán.

Descarga gratuíta

Dende o seu número inicial, en 2016, Cumieira tira unha edición en papel e, ademais, todos os volumes poden descargarse gratuitamente en PDF na web de departamento.