DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Editada polo Consello Social da Universidade e Caixanova

Un novo número da revista Investigación achega traballos de todos os campos do coñecemento

O número 3 da publicación vén de saír á rúa

Etiquetas
  • Vigo
M. Del Río DUVI 06/07/2010
Dende a física aplicada á farmacoloxía e dende a psiquiatría ao dereito, a economía ou a arte. O novo número da revista Investigación ofrece unha nova mostra do traballo científico realizado na Universidade de Vigo en todos os ámbitos do coñecemento. Con este obxectivo de divulgación naceu esta publicación en maio de 2009 de man do Consello Social da Universidade coa vista posta en converterse en vínculo de unión entre sociedade e Universidade ofrendo un medio para trasladar á cidadanía os coñecementos e o I+D+i que se xera nos campus.

Neste terceiro número a revista inclúe un editorial de Emilio Fernández, comisionado do Campus do Mar, sobre unha iniciativa que el define como “un proxecto para xestionar o presente e soñar o futuro”. O comisionado reflexiona no artigo sobre a importancias das sinerxías que este proxecto ofrece e destaca que se trata da unión de intereses investigadores, docentes, económicos e sociais para xerar un ecosistema do coñecemento no ámbito mariño e puntualiza que “entende o concepto de mar no seu sentido máis amplo como demostras as sete áreas de especialización: ciencias do mar; biotecnoloxía mariña; saúde e mar; enxeñaría aplicada ao medio mariño; tecnoloxía, calidade e seguridade dos alimentos; TIC’s no medio mariño; ciencias económicas, xurídico-sociais e humanidades das actividades do mar.

Pluralidade e multidisciplinariedade

Esta multidisciplinariedade do Campus do Mar é paralela tamén ao espírito da revista que neste número recolle once artigos sobre outras tantas investigacións que se están a desenvolver polos grupos da Universidade nalgún caso en colaboración con institucións, administracións ou empresas. Desta volta a revista comeza cunha reportaxe sobre as aplicacións da microcalorimetría na identificación precoz do crecemento bacteriano, da man dos profesores José Luis Legido e F. García Fortes, do Departamento de Física Aplicada en colaboración co Servizo de Farmacia do CHUVI. De seguido inclúe un artigo sobre a posibilidade de predicir a resposta aos fármacos orientada a unha terapia individualizada elaborado por Diana Valverde, do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía xunto con outros dous investigadores do Servizo de Farmacia do CHUVI.

O terceiro artigo de índole científica céntrase na bioloxía a afonda na detección histoquímica de glicoconxugados mediante lecitinas no pé de haliotis tuberculada elaborado polos profesores e investigadores da Universidade A.M. Garcés, V.S. Martínez-Zorzano e Pilar Molist. A revista inclúe tamén un artigo no campo da psiquiatría elaborado por cinco investigadoras do CHUVI, un estudo do índice de masa corporal en pacientes dunha unidade de hospitalización psiquiátrica de agudos. Xa no campo da bioloxía mariña, un grupo de investigadores da Área de Microbioloxía e Toxinas, de Anfaco-Cecopesca e da Facultade de Veterinaria da USC achega o desenvolvemento de novos métodos de detección e posibles aplicacións farmacolóxicas das biotoxinas mariñas.

No relativo á organización de empresas, a revista publica dous artigos, un sobre a empresa familiar e a family office como instrumento de xestión do patrimonio relacionado á empresa familiar dos profesores Elena Rivo, Nuria Rodríguez e Beatriz González. A segunda reseña trata sobre a competitividade da acuicultura española, os grupos estratéxicos e o ciclo de vida, da man dos doutores en Administración e Dirección de Empresas, Montserrat Cruz e Francisco Javier Sánchez Sellero.

O profesor de Dereito Romano, Guillermo Suárez presenta un texto sobre as contornas histórico-xurídicas de Europa, mentres que o profesor Gonzalo Caballero, do Departamento de Economía Aplica reflexiona sobre os avances na economía das institucións. Este terceiro número remata con dous artigos centrados no campos das belas artes. O primeiro de Almudena Fernández Fariña ofrece un achegamento á pintura no campo expandido e unha revisión da teoría de Rosalind E. Krauss e o segundo, dos profesores Sol Alonso, Ignacio Barcia, Ana Gesto, Pablo Huertas, Elena Mendizábal, Pello Mitxelena e Mónica Ortúzar, reflexiona sobre a resistencia e a materialización.

Participación

A revista Investigación esta coordinada por e excelentes profesionais e investigadores e aberta aos investigadores de toda España, publicándose o artigo co nome do autor ou equipo, a universidade, institución ou empresa á que pertence e distribúese en universidades españolas, institucións, determinadas empresas, bibliotecas e centros de investigación. Todos aqueles interesados en enviar algún artigo deben poñerse en contacto coa revista (investigacion@galicia.com) para recibir as instrucións precisas.