DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Editada polo Consello Social da Universidade de Vigo, acaba de sacar á rúa o volume número 5

Un novo número da revista Investigación serve de escaparate a científicos de toda España

A publicación recolle dez traballos que falan dende xenética ou biotecnoloxía ata de ciencia polític

Etiquetas
  • Vigo
Noemí Rey DUVI 07/07/2011

Converterse nun bo escaparate onde dar a coñecer as investigacións que se están a levar a cabo en todos os campos do coñecemento. Ese é o obxectivo da revista Investigación, unha publicación que chega ao seu número 5 cunha decena de artigos de científicos españois baixo o brazo con temas que van dende a oceanografía ou a xenética forense ata a biotecnoloxía, a ciencia política, o dereito na propiedade intelectual ou a neurociencia. Editada polo Consello Social da Universidade e patrocinada por Novacaixagalicia e Autoridade Portuaria de Vigo, para abrir boca este novo número pon de relevancia o importante momento de “evolución e cambio” que está a vivir a investigación española, como recolle nunha editorial sobre ciencia e docencia a vicerreitora da Investigación da universidade viguesa, Asunción Longo. A profesora destaca que os esforzos para desenvolver “un marco normativo axeitado á realidade” mostran a preocupación da comunidade científica por “vertebrar unha actividade que é clave para o progreso e para a consolidación como sociedade do coñecemento”.

Un contexto de evolución no que o mar, referente na Universidade de Vigo, ten un espazo reservado cun artigo do propio director da revista, José Luis Vázquez López, sobre a importancia do Instituto Español de Oceanografía (IEO) e a súa achega á ciencia, e cun estudo sobre a investigación como base das políticas internacionais de conservación dos ecosistemas profundos en alta mar de científicos do IEO de Vigo e Málaga.

A metade dos artigos, da Universidade de Vigo

O 50% das contribucións científicas para este novo número son da Universidade de Vigo, que fai especial fincapé no dereito, tanto a través da análise do peculio ou patrimonio como ente empresarial xurídico autónomo do profesor Guillermo Suárez Blázquez como da propiedade intelectual na creación de obras baseadas en outras xa existentes, de José Domingo Portero. Mentres, o catedrático e Defensor Universitario Argimiro Rojo reflexiona sobre a necesidade da “repolitización” da sociedade e sobre os retos e propósitos para o século XXI que deben afrontarse con novas prácticas de gobernabilidade. Unha investigación sobre as canles Trek na neuroprotección de científicos do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde e outro sobre a proteína Sigma A dos reovirus aviares do Departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular completan as achegas da entidade viguesa.

Unha revista multidisciplinar

A multidisciplinariedade que caracteriza a esta publicación da cabida a reportaxes como a que abre esta nova edición, unha análise sobre o ADN e a xenética forense ao servizo da lei desenvolto polo Servizo de Otorrinolaringoloxía do Hospital Xeral-Cíes. Do eido médico é tamén o artigo de Norberto Gómez, reumatólogo no Hospital Povisa, que presenta un estudo preliminar sobre a repercusión dos accidentes de tráfico nas consultas de reumatoloxía dos hospitais por lesións orgánicas do aparato locomotor e outros trastornos, e a do Departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade de Santiago de Compostela, que participa cunha investigación sobre o IC-Tagging, unha ferramenta biotecnolóxica coa que frear as fábricas de reovirus aviar. Para rematar, a revista recolle un análise feita por investigadores da Misión Biolóxica de Galicia do Consello e Bodegas Terras Gauda sobre a variabilidade en viños de diferentes clones da variedade Albariño, a de maior importancia económica en Galicia.

Novas colaboracións

Co número 5 xa na rúa, a revista Investigación abre de novo o prazo de presentación de artigos para os investigadores de toda España que desexen colaborar e dar a coñecer á sociedade os seus traballos. Validada polo Centro Nacional Español de International Standard Serial Number, os interesados en colaborar co Volume 3 Número 6 poden poñerse en contacto a través do correo electrónico investigacion@galicia.com para coñecer as condicións de presentación. Os artigos publicaranse co nome do autor ou do equipo de investigación, da universidade, institución ou empresa á que pertence.