DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Andarán 22 quilómetros e visitarán San Pedro de Rocas e Santo Estevo

Un novo percorrido cultural levará a 100 sendeiristas pola Ruta dos Mosteiros

Os equipos de baloncesto enfrontaranse a novos e complicados rivais na fin de semana

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 12/03/2010

O Mosteiro de San Pedro de Rocas atópase no Concello de Esgos, en plena Ribeira Sacra, e as súas orixes remóntanse ao ano 573 polo que se trata do mosteiro máis antigo de Galicia. No corazón desta zona está tamén o Mosteiro de Santo Estevo, cuxa orixe parece remitirse aos séculos VI e VII e cunha construción na que se alternan diferentes estilos que van dende o románico ao barroco. O de Santo Estevo foi declarado Monumento Histórico Artístico no ano 1923 e constitúe agora un dos principais referentes turísticos da provincia ao ser reconvertido nun parador.
San Pedro de Rocas e Santo Estevo constitúen os dous principais atractivos da Ruta dos Mosteiros, un novo percorrido cultural que se desenvolverá este sábado e no que participarán un total de 100 sendeiristas entre membros da comunidade universitaria e persoas alleas á institución académica. A ruta conta dun total de 22 quilómetros de dificultade media-alta que partirá da localidade de Esgos e que percorrerá San Pedro de Rocas, Arcos, Ermida da Virxe do Monte, Cortecadela, O Pombar e Santo Estevo de Ribas de Sil. José García Calvo, “Willy”, coordinador das rutas culturais, subliña desta nova andaina a visita aos mosteiros e a “magnífica paisaxe” da que poderán gozar os participantes no percorrido. Recoméndalle tamén aos sendeiristas que non deixen de abrigarse para soportar mellor as baixas temperaturas e fai especial fincapé no calzado. “Non me canso de insistir na importancia de levar un bo calzado para participar nestas camiñatas. O mellor son as botas de goretex e o menos aconsellable son os tenis”, explica. Os participantes sairán ás nove da mañá do campus.

Os xogadores sénior de baloncesto loitan polo ascenso

Os xogadores sénior de baloncesto masculino viaxan este sábado ata Vigo para xogar contra o Seis do Nadal. O equipo afronta este novo partido co bo ánimo acadado trala vitoria da pasada fin de semana contra o Liceo Casino de Vilagarcía ao que venceron por sete puntos de diferenza. O adestrador Javier Pérez subliña a importancia deste novo enfrontamento porque, de conseguir a vitoria, terían practicamente asegurada a entrada na fase de ascenso. Con todo asegura que non vai ser fácil. Nas súas palabras, “vai ser un partido moi difícil porque o acondicionamento do pavillón onde imos xogar non é o indicado. Esta realidade, xunto coa importancia que ten para nós o encontro, pode complicar moito o resultado final”. Na actualidade o Universitario Campus Ourense ocupa o segundo lugar na táboa de clasificación por detrás do líder da categoría, o CB Tui.

Partido difícil para o equipo sénior feminino

O equipo sénior de baloncesto feminino atópase na mesma situación xa que de gañar o partido deste sábado contra o CB Allariz terían practicamente asegurada o segundo posto da táboa e con el a entrada na fase de ascenso. O encontro disputarase ás sete da tarde no pavillón universitario e promete ser un choque con moita rivalidade xa que, como explica o adestrador Roberto Rapela, moitas xogadoras do Allariz estiveron antes no Universitario Campus Ourense “o que supón unha motivación extra á hora de conseguir a vitoria”, declara. Rapela recoñece tamén que non vai ser fácil gañar pola fortaleza do equipo rival. “Vai ser un partido complicado porque elas están xogando moi ben e acadando bos resultados nos últimos partidos”, declara. Na actualidade o equipo ocupa o segundo lugar da clasificación por detrás das viguesas do Compañía de María.

O Tirso de Molina, rival do equipo júnior de baloncesto

Os xogadores júnior de baloncesto, pola súa banda, viaxan esta fin de semana a Ferrol para xogar contra o último clasificado da categoría, o Tirso de Molina. Con todo adestrador Miguel González non quere confiarse e explica que, a pesares de que o rival é un equipo “aparentemente de menor calidade que o noso”, xogar na súa pista é moi complicado “polo que non debemos confiarnos”, declara. Na actualidade o Campus Ourense Blanco Amor ocupa a sexta posición da táboa. O líder da categoría é o Marín seguido polo Maristas e o Estudiantes.