DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O software xa está inscrito no Rexistro da Propiedade Intelectual

Un novo programa informático recoñece evidencias de que fai miles de anos chegaron icebergs a Galicia

Creado por investigadores das universidades de Vigo e Santiago e da Fundación IDICHUS

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 12/07/2012
Xurdiu como unha colaboración puntual entre compañeiros de tres grupos de investigación que traballan en ámbitos tan distintos como as ciencias do mar, a física e a veterinaria e acabaron inscribindo no Rexistro da Propiedade Intelectual un programa informático capaz de interpretar o pasado climático e oceanográfico das nosas cosas. Bautizado como anidoC Versión 1.0, o novo software emprega técnicas de diagnose médica, como é o TAC, para recoñecer determinados sinais que indican algún tipo de cambio climático que tivo lugar na terra no último ciclo glaciar.Entre outras evidencias anidoC pon sobre a mesa sen ter que empregar a metodoloxía clásica, máis custosa e laboriosa, múltiples sinais de que hai varios miles de anos –entre 15.000 e 60.000- chegaron ás costas de Galicia varias series de icebergs.

Todo comezou cando os investigadores do Grupo de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica da Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo se puxeron en contacto con persoal da Facultade de Veterinaria de Lugo e, máis concretamente, co Servizo de Diagnóstico por Imaxe do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, onde dispoñen dun TAC médico, similar ao que se usa para as persoas pero, neste caso, para animais. “Empregamos o TAC para pasar por el unhas sondaxes de sedimento mariño”, apunta o investigador Anxo Mena, que explica que boa parte do labor investigador do grupo de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica, no que realiza a súa tese de doutoramento baixo a dirección do profesor Guillermo Francés, outro dos autores de anidoC, se dirixe a estudar a oceanografía de Galicia dos últimos 60.000 anos.

Creado de forma colectiva este software conta con seis autores, xa que xunto a Anxo Mena e Guillermo Francés, asinan o rexistro Alfredo Iglesias, da Escola de Enxeñaría Industrial e os investigadores da Universidade de Santiago de Compostela: Pablo Aguiar, do Servizo de Medicina Nuclear da Fundación IDICHUS, Complexo Hospitalario Universitario de Santiago ,e José Daniel e Andrés Barreiro, do Servizo de Diagnóstico por Imaxe da Facultade de Veterinaria. Da coordinación de todos os trámites requiridos para o rexistro encargouse a Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación, OTRI, da Universidade de Vigo.l

A innovación de aplicar tecnoloxía médica á análise de sedimentos

Nada máis iniciar a colaboración entre eles –hai arredor de tres anos- estes investigadores decatáronse de que a cantidade de datos que se xeraban co TAC era moi grande, polo que non era sinxelo traballar con eles. “Nós usamos un programa médico para facelo pero, aínda así, non era suficiente para aproveitar todo o potencial que tiñan os datos”, apunta Mena, que explica así como xurdiu a necesidade de deseñar un programa de ordenador que facilitase estas tarefas.

Unha vez finalizados os primeiros traballos o equipo encargouse de corroborar, “seguindo métodos clásicos”, todos os resultados acadados e, tras comprobar que non había erros, constatouse que o programa e a metodoloxía do TAC “eran técnicas complementarias á metodoloxía clásica moi boas”, engade Mena, ao tempo que explica que hai moi poucos traballos que usen esta tecnoloxía de diagnose médica en estudos do sedimento.

Xunto ao programa, “moi sinxelo pero moi útil”, Mena destaca que o traballo co TAC serviu tamén para moitas cousas que non se poderían facer de ningún outro xeito e para complementar outros estudos moi importantes desde o punto de vista da análise sedimentaria. “Os resultados que acadamos foron moi bos, xa que sen necesidade de entrar a analizar o sedimento en si, aspecto moi laborioso e custoso, fomos capaces de observar múltiples factores”.

Analizar sen destruír

Nos últimos anos véñense desenvolvendo novas técnicas para o análise de rexistros mariños que ofrecen información para interpretar o pasado climático e oceanográfico. O enfoque multidisciplinar co que se están estudando os rexistros oceánicos fai que a cantidade de sedimento utilizado para obter os diferentes parámetros teña que ser cada vez menor e así poder levar a cabo maior número de análises, posto que a cantidade de sedimento é limitada e, en moitos casos, require un amplo esforzo económico para a súa obtención.

Neste sentido son de especial relevancia as técnicas chamadas non destrutivas e aquí é onde se enmarca o desenvolvemento do software Anidoc, co que se pode analizar o sedimento sen necesidade de destruílo, xa que permite realizar unha análise preliminar dos rexistros oceánicos sen necesidade de abrir e alterar o rexistro en si.