DUVI

Diario da Universidade de Vigo

José Castro e Juanjo Oliva participarán no ciclo organizado por Esdemga

Novo pulo ao deseño téxtil e á actividade física no campus de Pontevedra cunha nova edición dos "Xoves de Moda" e a creación da Área de Deporte e Saúde

Profesionais médicos e deportivos supervisarán a Área de nova creación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 02/04/2009

A importancia que a moda e o deporte teñen no campus e na cidade de Pontevedra, refórzase coa celebración da edición 2009 dos Xoves de Moda e a posta en marcha da Área de Deporte e Saúde, dúas iniciativas que veñen enriquecer a oferta cultural e deportiva do campus pontevedrés. Jaume Vidiella, Silvia Prada, José Castro e Juanjo Oliva conforman o “interesante panel de relatores”, en palabras de Lola Dopico da proposta de Esdemga, mentres que coa posta en marcha da área deportiva aténdese "unha demanda que PAS e profesores do campus viñan facendo desde hai anos”, explicou a directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes, Ana Belén Fernández Souto.
O vicerreitor do campus, Jesús Hernández, acompañou á directora de Esdemga na presentación dos Xoves de Moda, unha iniciativa “que xa ten unha identidade de marca” e da que recordou, cando se cumpre a súa cuarta edición, “que foi a actividade que inaugurou a Casa da Campás”. Nesta nova edición, Dopico destacou “o peso específico dos relatores” e o seu interese “por descontado para os estudantes pero tamén para outra xente que cada vez se interesa máis pola moda e o deseño”, apuntou. O especialista en tendencias, Jaume Vidiella, será o primeiro convidado do ciclo o 16 de abril. Vidiella traballa como asesor no Estudio Gloria Jover desenvolvendo proxectos de estilismo para empresas como Parfois, Polopiqué, Armand Basi, Prenatal ou Victorio e Luchino Casa e a súa actividade está reflexada en “referentes editoriais da moda como Neo2 ou Calle 20”, apuntou a directora de Esdemga. A artista e ilustradora Silvia Prada tomará o relevo o xoves seguinte. A artista ten publicadas as súas ilustracións en revistas míticas como The Face ou Dazed&Confused. Recentemente inaugurou a súa exposición Art Lab no MOCA de Shangai e vén de publicar The Silvia Prada Art Book.
A representación galega virá da man de José Castro, “unha figura central nestes momentos da moda”, que intervirá nos Xoves de Moda o 30 de abril. O deseñador da Cañiza, que colaborou con firmas tan prestixiosas como Dolce & Galbana, Alexander McQueen ou Givenchy antes de traballar en Miró Jeans ou na marca española Desigual, leva desde hai uns anos compatibilizando este labor co de creación da súa colección de Alta Costura, El Cuervo. Ademais conta co privilexio de ser un dos poucos deseñadores non franceses elidido como membro da Federación Francesa da Costura. Será o deseñador Juanjo Oliva, cuxas coleccións “son as máis esperadas cada ano en Cibeles” quen poña o broche de ouro á programación dos Xoves de Moda. O deseñador, coordinador de moitos desfiles de firmas como Zara, Helena Rohner ou Antonio Pernas, ten unha traxectoria notable que queda reflectida nos innumerables premios que ten recibido.

Tecendo unha rede profesional

Ano tras ano, os Xoves de Moda traen a Pontevedra a referentes do sector da moda e do deseño pero máis aló diso, co paso do tempo, esta iniciativa está permitindo que moitos dos relatores manteñan unha colaboración con Esdemga máis prolongada no tempo, permitindo que os seus alumnos fagan prácticas ou estadías de estudos en empresas ou talleres do sector. É o caso de Antonio Pernas ou El Delgado Buil. “Estas xornadas son moi importantes para conectar co universo profesional e dar a coñecer a escola”, sinalou Dopico. Desta forma, a titulación senta bases e reforza posicións para novos retos. O máis importante e no que xa traballan, segundo confesou Lola Dopico, ten o horizonte no 2010, cando se abrirá o mapa de titulacións de nova creación. “Nós temos toda a intención e estamos traballando para presentar o noso proxecto de titulación oficial de deseño, no momento en que as condicións o permitan, para que estea regulada a todos os efectos”, explicou Dopico.

Canteira de artistas...e modelos

Esdemga e Belas Artes non é só canteira de artistas e profesionais creativos. Os polidípticos que promocionan a programación dos Xoves de Moda revelan unha nova faceta dos seus estudantes, a de modelos. Como vén sendo habitual, Esdemga emprega deseños dos seus propios estudantes para ilustrar os programas. Desta vez, as imaxes pertencen a dous estilismos de Isabel Mastache e Daniel Menéndez. Pero é que ademais o modelo da imaxe principal é alumno do segundo curso de Belas Artes, que fixo de modelo para Menéndez.

En forma coa chegada do bo tempo

A mellora do estado físico para gozar do verán, é un dos obxectivos nos que a nova Área de Deporte e Saúde pode botar unha man aos membros da comunidade universitaria. Espérase unha “boa acollida do servizo, porque profesores e PAS hai dous anos que o demandan”, segundo indicou Ana Belén Fernández Souto que estivo acompañada na presentación da Área do responsable da Unidade de Medicina Deportiva, Juan Jóse Crespo, e do coordinador da Área de Actividade Física Personalizada, Pablo Díaz.
A seguridade de practicar deporte baixo a supervisión de profesionais dos dous ámbitos, é o maior beneficio que aqueles que se inscriban poden acadar. Crespo recordou que “calquera intervención na promoción da actividade física é algo máis que xestión do tempo de lecer”. Baixo supervisión os usuarios pasarán unha revisión básica (que inclúe unha exploración física e ortopédica, podoscopia, medición da tensión arterial, electrocardiograma, espirometría ademais dun estudo de peso) para comprobar o seu estado e tamén poderán acceder a un “amplo abano de consultas médicas sobre dietética ou lesións”, explicou. Desde a Unidade de Actividade Física Personalizada, Pablo Díaz sinalou que traballan sobre dúas liñas de actuación “a das inquietudes coas que chegan os usuarios e a daqueles que non teñen unha idea clara do que poden facer pero queren manter unha condición física saudable”. Para todos eles os profesionais deseñaran un programa de exercicios axeitados a súa situación. Ademais coa remodelación da sala de cardio-fitness, que xa leva uns meses aberta, os usuarios dispoñerán de máis instrumentos para realizar os seus exercicios.

Pulsómetro de agasallo

A cota para recibir estes servizos é de 60 euros por trimestre. Os usuarios gozarán de todas as vantaxes da Tarxeta Deportiva Universitaria así como de acceso gratuíto a actividades multideportivas e coa primeira inscrición recibirán un pulsómetro de agasallo. Ademais, no caso do alumnado, esta actividade estará recoñecida con un crédito de libre configuración. Para formalizar a matrícula é necesaria a presentación dunha fotografía, unha fotocopia dun documento que acredite a pertenza á comunidade universitaria e o resgardo do pago no pavillón universitario.