DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O premio Incuvi-Emprende Mueve tu vida obtén o galardón para novos emprendedores de AJE-Pontevedra

Novo recoñecemento a un proxecto que fai certo o binomio deporte-saúde

Esta aplicación para que as persoas diabéticas poidan facer exercicio atópase actualmente en fase de

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 25/11/2014

Engadir un ‘depende’ á clásica afirmación de que o deporte é saúde foi o xerme co que un grupo de estudantes e titulados da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación puxeron en marcha Mueve tu vida, un proxecto empresarial que ten como meta crear unha aplicación que permita ás persoas con diabetes facer exercicio físico dunha forma controlada, sen riscos para a súa saúde. Pouco despois, o seu proxecto era seleccionado nos Premios Incuvi-Emprende da Universidade e no programa para emprendedores Think Big, da Fundación Teléfonica. Logo viría a súa entrada nos programas Galicia Open Future e Yuzz Vigo e, o pasado venres, o colofón a esta sucesión de recoñecementos, o Premio Xove Emprendedor de AJE-Pontevedra.

“O primeiro que dixen cando nos chamaron é que non o podía crer”, recoñece o impulsor deste proxecto empresarial, Carlos Leirós, ao que o pasado venres 24 lle correspondeu recoller o galardón na décimo novena edición do Premios Xove Empresario desta asociación. “Cando din o teu nome pásanche moitas cousas pola cabeza, todo o traballo realizado, o equipo, o esforzo e o diñeiro depositado...”, recoñece este titulado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, que recibiu con “moita ilusión e bastantes nervios” un galardón que lles abre as portas dun espazo no viveiro de empresas do Consorcio Zona Franca e “unha formación valorada en 8000 euros” en Dirección e Xestión de Empresas na Escola de Negocios Afundación.

Un novo paso no camiño

Foi na súa etapa como alumno cando Leirós, xunto a Fernando Iglesias, tamén egresado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Diego Lago e Antonio Cabanelas, estudante e titulado da Escola de Enxeñaría en Telecomunicación respectivamente, decidiron poñer en marcha un proxecto dirixido a que as persoas con diabetes poidan realizar exercicio sen o perigo, por exemplo, de padecer unha hipoglucemia, a través dunha serie de medicións e recomendacións, que se integrarían nunha aplicación informática. Axiña, o seu proxecto sumou colaboracións como a do profesor José Luis García Soidán ou a do deportista profesional e diabético Diego Castro e obtivo un espazo no que botar a andar nas propias instalacións de AJE, grazas aos Premios Incuvi-Emprende. “Toda a axuda que recibimos alí, por exemplo no tema económico e financeiro, permitiunos aprender e avanzar en moitas cousas”, destaca Leirós da súa presenza no espazo para emprendedores da asociación. Por aquel entón, xa foran seleccionados para formar parte do programa Think Big da Fundación Telefónica, “onde escollen proxectos que consideran innovadores e axúdanlles a darlle corpo, a desenvolver a idea”. Nos meses seguintes, outra iniciativa impulsada tamén por Telefónica, o Galicia Open Future, abriría as portas para os responsables de Mueve tu vida dun espazo de coworking na Cidade da Cultura e de “asesoramento en temas legais, de márketing ou de publicidade”. Pouco despois chegaría o momento de participar no programa Yuzz, do Centro Internacional Santander Emprendemento, de onde non puideron levarse a viaxe a Sylicon Valley que constituía o seu primeiro premio, pero si “os contactos e a axuda de diversos emprendedores, así como un plan de negocio xa feito”.

Un proxecto en fase de probas

De xeito paralelo a súa formación empresarial, os responsables de Mueve tu vida traballaron nos últimos meses no desenvolvemento dunha idea que, a estas alturas, atópase en plena fase de probas. Grazas á colaboración da Asociación de Nenos e Nenas con Diabetes Anedia Galicia, “actualmente estamos testando o programa cun grupo pechado, o que nos permite probar o seu funcionamento e corrixir as cousas que nos van apuntando os usuarios”, explica Leirós. Unha vez rematada esta fase, chegará o momento de dar o paso final, “lanzar xa unha aplicación gratuíta a nivel nacional e ver como funciona”, apunta o seu impulsor, quen recoñece que previamente “será preciso formar unha empresa, porque a aplicación implica traballar con datos persoais e queremos telo todo seguro e ben atado”. Non en van, a futura app de Mueve tu vida ofrecerá recomendacións personalizadas a cada usuario en función da “intensidade do exercicio físico que queiran prácticar, o seu nivel de glucemia ou o tempo que estiman que van facer esa actividade”.