DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Dereito acolle o 25 de abril unha xornada centrada neste ordenamento

O novo réxime xurídico do urbanismo en Galicia, a 'xuízo'

Expertos do eido académico e profesional afondarán na Lei do Solo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
DUVI 04/04/2017

Na regulación urbanística, a Lei do Solo de Galicia, de 2016, veu a substituír recentemente a anterior Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia, de 2002. Co obxectivo de realizar unha análise crítica do novo marco de traballo nun eido de especial preocupación social como é urbanístico, a Facultade de Dereito do campus de Ourense acollerá o día 25 de abril unha xornada que, baixo o título O novo réxime xurídico do urbanismo en Galicia, contará coa participarán tanto de docentes universitarios como de profesionais vinculados a esta área.

Durante a xornada abordaranse cuestións como os modelos de ordenación urbana desde a perspectiva da economía, o réxime urbanístico do solo, o réxime de “fóra da ordenación” e o planeamento, os convenios e a disciplina urbanística. Alberto Vaquero, profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo; Luís Míguez, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela; Amadeo Rodríguez e Paulo López, avogados urbanistas; Roberto O. Bustillo, profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo, e José María Domínguez, subdirector da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, serán os encargados de analizar estas cuestións.

Unha lei que “mantén as clásicas formulacións”

Para dar conta da complexidade do réxime xurídico en urbanismo, José Agustín González-Ares, director das xornadas e docente da Facultade de Dereito do campus, lembra como a anterior lei “ata a súa final derrogación tivo unha decena de modificacións no seu contido, tanto por axustes menores como por cambios máis profundos, así como algunha declaración de inconstitucionalidade de preceptos”. Porén, advirte, “a nova Lei Galega do Solo non supón un cambio radical do dereito da ordenación urbanística, nin a revisión de principios básicos do urbanismo tradicional ou a introdución de novas formulacións para a xestión do solo. O contido da Lei 2/2016 mantén as clásicas formulacións do dereito urbanístico xa reflectidas na anterior Lei 9/2002”.

Sobre as novidades do novo réxime, o docente sinala como a nova lei “elimina figuras e regulacións que durante estes anos apreciáronse inútiles ou non válidas para a nosa comunidade autónoma, tanto pola estrutura e configuración das parcelas como pola idiosincrasia do concepto de propiedade”. Entre elas cita o sistema de concesión de obra urbanizadora, zonas de dereito de tenteo e retracto ou o solo urbanizable non delimitado. En todo caso, advirte, “as súas novidades realmente son unha reformulación de anteriores regulacións e cambios de nomenclatura”. Deste xeito, indica González-Ares como exemplo, “o plan básico autonómico non deixa de ser un instrumento de planeamento algo máis detallado que as normas subsidiarias e complementarias (anteriormente normas provinciais na Lei 1/1997), que desaparecen. Igualmente, os plans básicos municipais son unha versión actualizada do xa antigo instrumento de planeamento de ordenación do medio rural, previsto na Lei 1/1997".

A nova Lei do Solo de Galicia, engade o profesor da Facultade de Dereito do campus de Ourense, no seu artigo 90 trae como principal novidade a eliminación á referencia do subtipo de réxime de fóra de ordenación parcial, para referirse unicamente a unha única situación de ‘fóra de ordenación’ no seu apartado primeiro. Ante este cambio, González-Areas advirte que “non podemos esquecer que unha elevada porcentaxe de edificacións nas cidades e pobos galegos atópanse na denominada situación urbanística de ‘fóra de ordenación’, ao punto que o que debería resultar en certo xeito excepcional converteuse en regra case xeral, salvo aquelas vivendas e edificios de recente construción”.