DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un novo Roteiro Cultural levará a 80 estudantes á Serra do Xurés

Os participantes percorrerán este sábado 17 quilómetros de dificultade alta

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 27/01/2010
O Parque Natural da Baixa Limia - Serra do Xurés ocupa preto de 21.000 hectáreas da comarca da Baixa Limia, nas zonas altas dos concellos de Entrimo, Lobios e Muíños. Limita co Parque Nacional da Peneda – Gerês de Portugal, formando un dos enclaves máis importantes do patrimonio natural, etnográfico e histórico do noroeste peninsular. Un total de 80 estudantes da Universidade terán a oportunidade de visitar o parque este sábado grazas a un novo Roteiro Cultural que se vai desenvolver pola Serra do Xurés.
Os participantes de Ourense sairán ás nove da mañá do campus para xuntarse cos de Pontevedra e Vigo en Lobios, lugar de partida da ruta. Alí visitarán o Centro de Interpretación do Parque Baixa Limia – Serra do Xurés. Seguidamente, os camiñantes percorrerán os lugares de A Cela, Alvite, Salgueiros, Gandaracha e Alto do Pisco nunha ruta de 17 quilómetros de distancia e de dificultade alta.
José García Calvo, “Willy”, coordinador dos Roteiros Culturais, subliña desta nova andaina a paisaxe na que destacan as pedras caballeras, grandes bolos graníticos superpostos que teñen a súa orixe na sedimentación glaciar e as pequenas fervenzas que forman os regatos ao caer polas fendeduras das serras. Outro dos atractivos do percorrido é o lugar do Salgueiro, deshabitado dende mediados do século XX e hoxe propiedade da Xunta de Galicia que está a ser obxecto dun proxecto de recuperación como núcleo etnográfico e turístico por parte da Consellería de Medio Ambiente.

Extremar as medidas para combater o frío e usar bo calzado

O coordinador dos roteiros recoméndalle aos participantes que extremen as medidas contra o frío. Nas súas palabras, “é moi importante ir ben abrigados e, por suposto, coidar moito o calzado que debe ser de Gore-Tex. Tamén lles diría que, dada a época do ano na que nos atopamos, leven roupa seca de reposto –camiseta, calcetíns, polar e zapatillas de descanso- para dispor dela ao rematar o roteiro e evitar así posibles males”. Os participantes deben levar tamén a súa comida (bocadillos, froita, froitos secos e bebida).
A próxima andaina prevista na programación dos roteiros culturais é a Ruta do Ribeiro, que se desenvolverá o vindeiro día 20 de febreiro. Trátase dun percorrido de 26 quilómetros de distancia e de dificultade media-alta que transcorrerá polo Carballiño, Ponterriza, Moldes, Cima de Vila, Pazos de Arenteiro, Lebosende, San Clodio e Ribadavia. Ao remate do percorrido haberá unha cata de viños a cargo do Consello Regulador.
O prezo de cada roteiro é de 8 euros para a comunidade universitaria e 13 euros para as persoas externas. As inscricións faranse no Servizo de Deportes dos campus de Pontevedra e Vigo e no SIOPE do campus de Ourense.