DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes da licenciatura en ADE representaron á Universidade no Programa Universitario Erasmus de

Novos aínda que suficientemente formados en contabilidade

Vigo é a única institución académica española presente nun programa intensivo considerado entre os m

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 27/11/2009
Algúns xa teñen os seus títulos na man e outros están a piques de acadalos. Son oito estudantes da licenciatura de Administración e Dirección de Empresas que este outono, coordinados pola profesora Belén Fernández, representaron á Universidade de Vigo no Programa Universitario Erasmus de AFECA, a Federación de Ensinantes Expertos Contables. Considerado pola Comisión Europea como o mellor de Francia e un dos mellores de Europa, este programa IP (Intensive Program) impulsado pola Université de Bretagne-Sud facilita ao longo de dez días o intercambio de coñecementos entre estudantes dunha decena de países europeos e EEUU. “Solucións de casos segundo a contabilidade de cada país; workshops que imparten profesores sobre temas de interese ou mesas redondas sobre asuntos de actualidade, son algunhas das actividades que os estudantes desenvolven neste programa”, sinala a profesora Belén Fernández encargada durante os últimos catro anos de coordinar a representación da Universidade de Vigo, a única española que participa no programa.
Tras 16 anos de existencia, esta iniciativa internacional, contou na súa última edición celebrada o mes de outubro na cidade bretoa de Vannes coa participación de 80 estudantes chegados de Austria, Alemaña, Bélxica, Francia, Grecia, Hungría, Lituania, Portugal, Romanía, Reino Unido e Estados Unidos.

Os mellores expedientes confirman o seu nivel en Europa

Un bo expediente académico, ademais de cursar a materia de contabilidade internacional, son os dous requisitos que debían cumprir os candidatos a participar do programa. Sara Gómez, Estela Miñán, Borja Crespo, Andrea Miguéz, Alberto González, Javier Iglesias, José Eugenio Acosta e Ángeles Rosales, foron finalmente os elixidos para representar á Universidade de Vigo en Vannes, nun programa do que, nalgúns casos, xa tiñan coñecemento. “Soubemos da súa existencia a través de estudantes doutros cursos e logo Belén informounos de todo o que é AFECA e os requisitos. Nós estamos na especialidade de contabilidade e auditoría e pareceunos interesante ver que facían noutros países”, explica Sara Gómez.
Con experiencia Erasmus previa, nalgúns casos, os oito representantes da Universidade de Vigo destacan da súa participación no programa “ a confirmación de que o noso nivel en contabilidade é equiparable ao resto de Europa”, explica Andrea Míguez que sinala que “ainda que algúen poida pensar que noutros países están máis adiantados que nós, a realidade é que non”. Máis contundente amósase Borja Crespo que apunta que “estamos ben formados en contabilidade e creo que non aprendimos nada novo máis alá de ver as diferenzas que existen noutros países”.

Desenvolvemento doutras habilidades

Pero máis alá do intercambio de coñecementos o Programa Universitario de AFECA fomenta outras habilidades entre o alumnado que participa del. Así, as exposicións en público ou a utilización do inglés, xunto co francés, como lingua oficial do programa, obriga aos participantes a desenvolver estas habiidades aínda que non son as únicas.
Estela Miñán por exemplo destaca que máis alá do intercambio académico, “o programa tamén nos dá a posibilidade de coñecer xente, practicar idiomas. Ademais, mestúranse cousas académicas, cuturais e sociais e incluso tivemos ocasión de practicar deporte”. Pola súa banda Borja Crespo asegura valorar moi especialmente “a posibilidade de relacionarnos con outra xente”, unha cuestión que tamén destaca a profesora Belén Fernández que lembra que “a contabilidade é o marco , pero logo hai moito máis ao redor: falar en público, en inglés ou relacionarse con estudantes doutras universidades”.

Vigo, lugar de celebración do programa?

Tras 16 anos de existencia ao longo dos que o programa foi rotando o seu lugar de celebración en función das universidades participantes, a cidade alemá de Nuremberg será o destino dos participantes na vindeira edición. Despois de tres anos coordindando a participación no programa dunha representación de estudantes da Universidade de Vigo, a profesora Belén Fernández cre que “Vigo algún día terá que facelo”, aínda que deixa claro que “a organización requiere dun gran esforzo e unha dedicación enorme xa que cómpre planificar non só o programa académico, senón tamén as actividades adicionais”. Alberto González, coindice coa docente e incluso sinala “o orgullo que suporía para a Universidade de Vigo” a organización dun programa destas características”.
Sen embargo, e mentres non chegue ese momento, o grupo que este ano representou á Universidade de Vigo no programa, anima aos seus compañeiros a participar do programa que conta co financiamento da UE para un máximo de oito estudantes por instittución académica, ao que se suman as bolsas outorgadas pola Universidade de Vigo para o desprazamento ao lugar de celebración.