DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Novos e altamente cualificados

Os participantes no Programa de Formación de Novo Profesorado recolleron os seus diplomas

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 02/11/2009
Na súa meirande parte hai apenas uns cursos que deixaron de ser estudantes, pero todos tiveron xa a oportunidade de achegarse ás aulas universitarias desde unha perspectiva moi distinta: a da docencia. Con moitos notables, sobresaíntes e non poucas matrículas de honra nos seus expedientes, referímonos á ducia estudantes que esta mañá recolleron no Edificio Miralles os diplomas do Curso de Formación do Novo Profesorado, un programa orientado a aqueles profesores con reducida ou ningunha experiencia previa de ensino.
Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, vicerreitoría que impulsa o programa, destacou na clausura do curso o traballo, tanto dos participantes como da propia institución, “que está a levar a cabo un verdadeiro esforzo”, para facer das persoas que están a renovar o profesorado, “bos profesionais, algo para o que, ademais das habilidades persoais, se require formación altamente cualificada”.

Porta aberta ao intercambio de experiencias

Dereito, Tradución e Interpretación, enxeñarías, economía... son algunhas das titulacións das que proceden e tamén nas que están a dar clase. Sabela Cebro é unha das novas profesoras que hoxe recolleu o seu diploma. Amante da docencia dende moi nova, cando comezou a achegarse á profesión impartindo clases particulares, licenciouse primeiro en Filoloxía Inglesa (2003) e despois en Tradución e Interpretación (2006). Hoxe valorou moi positivamente a súa participación no curso, se ben destacou a intensidade do programa, “sobre todo na primeira parte do curso, había moitas clases e non sempre foi doado de compatibilizar”, sinala en referencia ao primeiro dos bloques do programa, dedicado a realizar unha pequena inmersión na Universidade –servizos informáticos, biblioteca...-.
Un dos seus compañeiros, Ángel Aday Jimenez, destacou sobre todo a posibilidade que che ofrece o curso de poder compartir experiencias, “tanto con outros profesores que están na túa mesma situación como con docentes que levan anos na profesión. Digamos que é unha especie de guía de inicio”, subliñou. Licenciado en Ciencias Políticas e en Dereito, compatibiliza as prácticas da materia de Dereito Constitucional, co doutoramento, e no futuro “oxalá me poida seguir dedicando a isto”.

A piques de comezar unha nova edición

Avalado polo éxito das dúas edicións que xa se levaron a cabo, este mesmo mes botará a andar unha terceira edición, que se estenderá ata marzo de 2010, cun programa similar o das ocasións anteriores. Con matrícula aberta ata o vindeiro día once, os interesados en matricularse no curso poden consultar a web da vicerreitoría, onde atoparán variada información sobre programa, horarios ou forma de inscribirse.
“Como sempre imos a seguir dándolle moitísimo peso aos temas de innovación na docencia”, destacou o vicerreitor, quen animou aos novos docentes a participar tanto nos ciclos de conferencias como na cuarta Xornada de Innvoación Educativa, que terá lugar no vindeiro mes de decembro “e na que vos animo a todos a participar, non só como asistentes, senón que tamén podedes presentar os vosos traballos”.