DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un equipo da Universidade de Vigo escava zonas inexploradas do castro

Novos espazos da cidade romana de Armea emerxen da man dos arqueólogos ourensáns

O obxectivo é afondar no coñecemento deste xacemento e valorizalo

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 31/07/2014

A finais do século I, en terras de Armea os romanos tiñan creado unha auténtica cidade, capital de comarca, na que os seus habitantes convivían en núcleos xa urbanizados con vivendas amplas de probablemente dous pisos conectadas por rúas e vías. Desde mediados deste mes e ata mediados de agosto, un equipo de dez arqueólogos e estudantes do campus de Ourense traballan para sacar a luz novos espazos deste enclave, situado no castro de Armea, que axuden a visibilizar mellor a importancia deste xacemento e que contribúan ao coñecemento da súa historia.

A intervención arqueolóxica, levada a cabo polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, foi visitada este xoves por Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Francisco García, alcalde do Concello de Allariz, onde se sitúa o complexo arqueolóxico. Durante o percorrido, estiveron acompañados por Fermín Pérez, director do proxecto, e por Adolfo Fernández, director da intervención. “O xacemento ten un potencial inmenso para o Concello de Allariz pero tamén para a Universidade de Vigo porque é un lugar onde non só se pode facer investigación científica senón que tamén é un lugar privilexiado para a realización de prácticas do noso alumnado, un lugar destacado polo seu valor arqueolóxico, pola súa extensión e pola súa proximidade ao campus de Ourense”, explicou Virxilio Rodríguez. No transcurso da visita, os responsables das dúas institucións amosaron a súa vontade de intensificar a relación entre as dúas entidades, facéndoa máis estable e prolongada. “Este xacemento supón un atractivo moi importante para nós”, destacou o alcalde do Concello de Allariz, que financia a actividade.

Tres lugares escavados

Segundo explicaron Fermín Pérez e Adolfo Fernández, os traballos que están a realizar no castro de Armea teñen como obxectivo fundamental escavar en zonas non escavadas ata o de agora. Nos anos 50, comentaron, Francisco Conde-Valvís escavou o castro pero volveuno a cubrir por diversos problemas que xurdiron naquel entón. O obxectivo nesta ocasión é descubrir zonas colindantes á levantada por Conde-Valvís para recadar máis información sobre este enclave, recoller novos vestixilios, visibilizar máis a dimensión do castro e facer a súa datación e secuencia ocupacional. “A zona é moi interesante e rica desde o punto de vista arqueolóxico”, apuntou Adolfo Fernández.

Concretamente, o equipo do campus de Ourense traballa xa na descuberta dun espazo da zona habitacional do castro, na continuidade da rúa principal tamén do castro e nunha finca próxima de propiedade particular onde os indicios apuntaban a que puideran atoparse, segundo a tradición oral, soterradas antigas casas castrexas de forma circular. As tres escavacións xa están avanzadas. No primeiro caso, indicou Fermín Pérez, xa se sacou á luz unha nova habitación e nela atopáronse numerosos vestixios de tellas e cerámica, algúns anacos de vidro, cravos e outros restos arqueolóxicos. No segundo caso destapouse un novo tramo da rúa e atopouse ao seu carón o que parece a base dun forno ou lareira. Por último, na zona próxima realizouse unha sondaxe localizándose de momento os restos do derrube dalgunha construción e continuando á expectativa de saber que agocha este terreo. Paralelamente á intervención do equipo da Universidade de Vigo, continúan os traballos de recuperación da parte do xacemento xa coñecida pero que foi tapada a mediados do século pasado por Conde-Balvís.