DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolleu este mércores unhas xornadas co gallo da celebración do 25 de novembro

Novos formatos e vellas historias para fiar mellor a loita contra a violencia de xénero

A iniciativa rematou coa representación da obra de teatro 'A viaxe de Ana'

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 05/12/2012

O pasado 25 de novembro celebrouse o Día Internacional da Loita contra a Violencia de Xénero. Tomando como escusa esa data, o campus de Ourense puxo en marcha, coma cada ano, unha ampla programación de actividades que este mércores rematou coa celebración das II Xornadas de Educación e Violencia de Xénero. Sensibilizando. A lembranza das mulleres que deron lugar a esta conmemoración e os novos formatos para fiar a loita pola igualdade foron os grandes protagonistas da cita, con iniciativas como o Teatro das Oprimidas ou o programa de radio feminista Meigas Radioactivas, de Cuac Fm.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Purificación Mayobre, docente da Universidade de Vigo, e Sofía Riveiro, do Colexio Profesional de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, foron as encargadas de inaugurar esta iniciativa, organizada polo grupo de traballo Fiadeiras e pola Facultade de Ciencias da Educación. As tres coincidiron en salientar a importancia da sensibilización e da educación como un piar fundamental para avanzar na loita contra a violencia de xénero e para acadar un convivencia en igualdade na que se respecte a dignidade da muller. Durante a inauguración, un grupo de alumnas e alumnos de Educación Social, en representación do movemento Marea Laranxa Ourense, leron tamén un manifesto de reivindicación dos servizos sociais públicos.

O acto comezou cunha lembranza á historia das mulleres que coa súa historia deron pé á celebración o día 25 de novembro e que forman parte xenealoxía de mulleres que poden ser referente para as novas xeracións. Deste xeito, e a través dun vídeo, os asistentes puideron coñecer a vida das irmás Mirabal, Minerva, Patriz e María Teresa, que, empregando o apodo de “as bolboretas”, loitaron contra a ditadura de Trujillo na República Dominicana e que finalmente foron asasinadas polo réxime en 1960.

Exemplos de éxito

Tras o emotivo visionado desta historia, celebrouse unha mesa de experiencias, moderada por Eva Bastón, integrante de Fiadeiras, nas que se achegaron diferentes iniciativas innovadoras no eido da sensibilización pola igualdade. O grupo Teatro da Oprimida, da Coruña, expuxo a súa innovadora metodoloxía, na que emprega unha obra de teatro, titulada A viaxe de Ana, para concienciar ao alumnado de centros educativos de diferentes vilas galegas. A peza, que representa a vida dunha muller emigrante, acompáñase dun foro-debate sobre a interculturalidade, a diversidade e o fomento de valores solidarios, tal e como puideron comprobar os asistentes ás xornadas, pois a obra foi representada para eles ao remate da tarde.

Tania Merelas e Isabel Taboada foron as encargadas de explicar o traballo do Grupo Fiadeiras, fundado hai un ano por educadoras sociais que traballan desde distintos eidos a prol da igualdade entre mulleres e homes. Pola súa banda, Natalia Campos e Carla Irma Abella presentaron a súa innovadora iniciativa Meigas Radioactivas, o primeiro programa de radio feminista da emisora CUAC FM 103.4. Por último, a docente María Victoria Carrera e a alumna Laura Pacios, explicaron a iniciativa Luns a debate. Máis alá do sexo, que consistiu en cafés informais no Edificio Politécnico nos que docentes e alumnas de Educación Social traballaron coas persoas interesadas diferentes aspectos da sexualidade.