DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na inauguración do XII Seminario Hispano-Luso de Economía Empresarial

Novos retos para a eurorrexión tras vinte anos de existencia

Luis Ramos analiza na na Facultade de CC Empresariais e Turismo a historia das relacións Galicia-Nor

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 25/11/2010

“Durante vinte anos de cooperación transfronteiriza conseguimos facer moito, pero aínda nos queda moito máis por facer, pois non conseguimos resolver numerosos problemas cotiáns nas relacións entre as dúas comunidades, cada vez máis relacionadas”. Así valoraba Luis Ramos, profesor da Universidade de Tras-os-Montes e membro da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, as dúas décadas de relación da eurorrexión.

Ramos foi o encargado de explicar na xornada inaugural do XII do Seminario Hispano-Luso de Economía Empresarial que desde hoxe se celebra na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, a evolución histórica das relacións entre Galicia e Norte de Portugal desde que en 1991 se creou a comunidade de traballo entre as dúas rexións. Ao encontro acoden preto de 130 investigadores e 17 entidades co obxectivo, segundo sinala o presidente do comité organizador do seminario, José Antonio Fraiz, “de estreitar aínda máis os vínculos académicos e científicos entre as universidades de Galicia e o Norte de Portugal”, ou en palabras da vicerreitora do campus de Ourense, María Lameiras, “de dar valor á internacionalización, á colaboración a través da raia de investigadores, universidades e todo tipo de entidades”.

Pero para estreitar os vínculos é preciso coñecer a historia e realidade desta comunidade, información e cifras que puxo sobre a mesa Luis Ramos. Así, explicou que, segundo os datos máis recentes dos que dispoñen, “Galicia é o cuarto cliente e provedor de Portugal e Portugal é o segundo cliente e provedor de Galicia”. En total, apunta, o comercio interrexional galego-portugués representa o 7% do comercio total luso-español.

Un territorio para vivir e traballar

Un fito importante para chegar a estas cifras foi a creación en 1991 da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, que foi gañando protagonismo a medida que as institucións incrementaron o seu compromiso e que “deu o seu salto definitivo co inicio da presentación de proxectos comúns ás convocatorias europeas”, segundo sinala o profesor Ramos.

Os obxectivos agora son, segundo explica, os apuntados no Plan Estratéxico de Cooperación Galicia-Norte de Portugal, que contempla acadar que a eurorrexión sexa considerada cada vez máis “un territorio atractivo para vivir e para traballar”. Para acadalo, apúntanse aspectos como que os proxectos da comunidade consigan dinamizar económica e socialmente o territorio, que se establezan sinerxías produtivas entre as rexións e acadar unha cooperación institucional sólida, entre outros.