DUVI

Diario da Universidade de Vigo

112 estudantes de 4º de ESO e 1º de Bacharelato participan no campus de verán

Novos talentos científicos medrando ao abeiro de Campus do Mar

En grupos de 28, participarán durante unha semana en actividades formativas e de ocio

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 28/06/2012
Máis dun cento de mozos e mozas de entre 14 e 16 anos chegados de toda España participarán desde o vindeiro luns e durante un mes nas catro quendas dunha semana cada unha nas que na súa segunda edición se estrutura o Campus Científico de Verán do Campus do Mar. Cuns expedientes académicos brillantes e un interese pola ciencia máis que evidente, os estudantes de 4º de ESO e 1º de Bacharelato, terán ocasión ao longo dunha semana de traballar man a man nos laboratorios con grupos de investigación da Universidade de Vigo, asistir a conferencias, participar en actividades de lecer e mesmo realizar unha excursión a Viana do Castelo. Precisamente o desprazamento á localidade lusa onde os estudantes realizarán prácticas de campo na praia e visitarán o navío hospital Gil Eannes é a principal novidade que este ano introduce a iniciativa do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte que ofertou 1800 prazas para un total de 16 universidades de todo o territorio nacional vinculadas aos Campus de Excelencia Internacional.

“O ano pasado resultou moi ben e en xeral nesta segunda edición do Campus Científico de Verán de Campus do Mar séguese unha liña continuista”, explica Victoriano Urgorri, director da Área de Proxección Social do campus, que sen embargo apunta a dúas novidades determinadas polo Ministerio. A redución de dúas semanas de duración por quenda a unha, respecto ao ano pasado, é unha desas novidades desta edición á que se engade o significativo incremento de participantes que acadan os 112  fronte aos 60 de 2011. “O aumento no número de estudante e a redución de días de estadía non foi decisión de Campus do Mar, senón do Ministerio”, aclara Urgorri que sinala que esta reorganización obrigou a concentrar actividades eliminando algunha como a saída no buque oceanográfico Mytilus ou obradoiros de comunicación, divulgación e arte que se celebraron o ano pasado.

O día a día no campus de verán

Chegados de Andalucía, Madrid, Valencia ou Euskadi, os estudantes que participarán no campus científico organizado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología en colaboración con la Fundación La Caixa, distribuiranse en grupos de 28 cada unha das catro semanas. Mozos e mozas dividiranse en grupos de sete para participar nos catro proxectos de achegamento científico nos que traballarán ao longo da semana e a través dos que se adentrarán da man do profesorado da Universidade de Vigo nas bases da oceanografía, a bioloxía mariña, os organismos moleculares ou as tecnoloxías aplicadas ao medio mariño.

“A característica máis destacada destes rapaces é o seu elevado expediente académico ao que se suma un proceso de selección no que competiron más de 8000 estudantes de toda España por 1800 prazas”, detalla Urgorri que asegura que “xa o ano pasado quedou demostrado que son mozos e mozas por riba da media e que teñen unha especial sensibilidade pola ciencia”. A captación de talento está na esencia deste Campus Científico de Verán que ademais de dar a coñecer aos participantes e “posibles futuros estudantes da Universidade de Vigo” o Campus do Mar, tamén persegue segundo Urgorri “atraelos cara ao estudo de ciencias e tecnoloxías do mar”.

Docentes ‘encantados’ de participar

Paloma Morán, Victoria Ferrero, Enma Fernández, Elsa Vázquez, Carlos Mosquera, Pío González, Ana Bernabeu e así ata once docentes, serán os encargados de traballar cos estudantes durante as semanas que dure o campus. En laboratorios dos centros e escolas, na ECIMAT,Gradiant ou CITEXVI, sucederanse as actividades dirixidas por uns profesores que aseguran sentirse “encantados” de participar desta iniciativa. “Case a totalidade dos docentes que tomaron parte o ano pasado no campus quixeron repetir unha experiencia que lles permite saír da súa rutina habitual e coñecer novos públicos”, explica o director da Área de Proxección Social de Campus do Mar. O interese que amosaban os alumnos, así como o capacidade que tiñan para asimilar o que se lle contaba, foron dúas das características que coincidiron en sinalar os docentes sobre o seu alumnado que incluso aseguraron tiña un nivel moi parello aos estudantes universitarios.