DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciclo de conferencias sobre 'O léxico na lingua galego-portuguesa'

Novos termos para unha sociedade en continuo movemento

Manuel González presentou a nova a versión do dicionario da Real Academia Galega adaptada aos cambio

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 26/05/2011

Xa está acabada a súa redacción, pero está pendente da aprobación dalgunhas emendas feitas polos académicos. A Real Academia Galega (RAG) xa ten lista a nova versión do seu dicionario, unha actualización que recolle “léxico empregado por todos” que o vicepresidente da RAG , Manuel González, presentou hoxe durante a primeira xornada do ciclo de conferencias sobre O léxico na lingua galego-portuguesa. “As sociedades son entes en constante evolución e o léxico debe dar resposta ás necesidades que xorden coas novas relacións sociais, xa que hai moitos termos que pasan do ámbito da especializade á lingua común. Unha palabra como rato hai 20 anos era unha rareza, hoxe a utiliza todo o mundo a calquera hora do día”, recordou o catedrático da Universidade de Santiago.

Un dicionario que afronta unha particularidade que non se dá noutras linguas: servir de guía normativa en todos os planos lingüísticos, dende a ortografía ata a pronuncia, a morfoloxía e os significados. Aínda que nesta adaptación aos novos tempos non se engadiron “moitas palabras”, si que se tratou de dar solucións a aqueles termos que presentaban algún tipo de problema. É o que aconteceu coa última palabra incluída, que pretende dar unha saída “ao caos que lles supoñía aos tradutores” trasladar ao galego dúas palabras en boga no ámbito xurídico e económico, ‘devengar’ e ‘devengo’. “Supoñía un problema moi serio, así que adoptouse a decisión de empregar para todas as acepcións de ‘devengar’ o termo devindicar e para ‘devengo’ a de ‘devindicación’”, salientou González.

Un traballo moi documentado

Nesta adaptación á nova realidade social, os académicos fixeron un esforzo pola actualización do léxico introducindo préstamos doutras linguas, cultismos latinos e gregos, a revitalización de arcaísmos, os calcos e as creacións autóctonas. Para levar a cabo o proxecto empregáronse como fonte os dicionarios publicados anteriormente, os traballos dialectais que recollen léxico, os dous grandes corpus lingüísticos que existen (o Tesouro informatizado da lingua galega e o Corpus de referencia nunha lingua actual) e fontes secundarias representativas do galego oral, como o Tesouro do galego oral do profesor Francisco Fernández Rei ou o Tesouro fraseolóxico galego do Centro Ramón Piñeiro, que recolle máis de 300.000 locucións e refráns ou entidades fraseolóxicas.