DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O encontro terá lugar no mes de setembro no edificio Miralles

Novos valores das matemáticas reuniranse no campus na IV Semana Ibérica de Modelización

As e os participantes terán a oportunidade de traballar en problemas industriais reais

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI 08/06/2017

Ofrecer ás alumnas e alumnos de mestrados de matemáticas a oportunidade de aplicar os coñecementos adquiridos á solución de problemas industriais reais. Este é o obxectivo da IV Semana Ibérica de Modelización, un encontro que leva celebrándose desde hai catro anos de forma alternativa en Portugal e España e que este ano chega por primeira vez a Vigo. Aínda que inicialmente estaba previsto realizar o encontro a vindeira semana no edificio Miralles, finalmente, decidiuse adiar o encontro ata o mes de setembro para facilitar así a asistencia do alumnado, e nela coincidirán estes novos valores que están a piques de saír ao mercado con profesionais en activo, tanto do mundo académico como empresarial, que serán as persoas encargadas de ensinarlles a estas novas xeracións como as matemáticas contribúen á solución das demandas industriais que existen na actualidade.

“O carácter transversal das matemáticas fai delas unha ferramenta de utilidade en case calquera sector produtivo”, subliña Javier Roca, profesor do Departamento de Estadística e Investigación Operativa e coordinador deste encontro, que explica que a xuntanza está coorganizada polo grupo de investigación Statistical Interference, Decision an Operation Research, SiDOR, da Universidade de Vigo, ao que el mesmo pertence; o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, Itmati, e a Rede Española de Matemática Industria (math-in), en colaboración coa Rede Portuguesa de Matemática para a Industria e a Innovación.

Tecnoloxía matemática ao servizo das empresas

"As matemáticas poden achegar solucións aos problemas que poidan ser modelados a través desta ciencia, polo que calquera empresa ou industria que posúa un problema destas características se podería beneficiar da tecnoloxía matemática existente", explica o coordinador do encontro, ao tempo que recoñece que este tipo de metodoloxías poden permitir, por exemplo, a redución de custos e tempos de desenvolvemento de produtos, o control e a optimización de procesos industriais, a mellora na asignación e planificación de recursos e tarefas, ou a explotación da información interna mediante técnicas de minaría de datos ou Big Data.

Roca explica ademais que a modelización matemática permite traducir un problema de interese, que pode ser de natureza moi variada e provir de practicamente calquera área de coñecemento, a unha ou varias fórmulas. Neste senso recalca que a fórmula máis adecuada a cada problema pode requirir da aplicación dunha ou varias metodoloxías ata alcanzar un modelo matemático que represente correctamente o problema en estudo.

“Este tipo de modelización resulta de grande utilidade para empresas e industrias, xa que dispoñer dun modelo matemático que se axuste adecuadamente a un problema industrial permite, por exemplo, simular o comportamento do fenómeno en estudo, evitando moitas veces a realización de probas custosas para a empresa ou a construción de prototipos a escala”, explica Roca, ao que engade que “ademais facilita identificar os factores que inflúen no fenómeno en estudo, determinar o seu grao de influencia, estimar o comportamento do fenómeno baixo diferentes escenarios e facer predicións de futuro”.

Buscando solucións a catro problemas industriais reais

Nesta cuarta edición o alumnado poderá elixir entre catro problemas industriais nos que traballarán en grupo ao longo de toda a semana. A experiencia estará supervisada por coordinadoras e coordinadores académicos especializados que, segundo explica o docente, “orientaranos e permitiranlle desenvolver as súas habilidades de traballo en equipo, pensamento crítico, rigor e comunicación científica”.

Un dos problemas formulados tratará sobre a clasificación de placas de lousa mediante técnicas de visión artificial e machine learning e estará coordinado por Javier Martínez, do Centro Universitario da Defensa de Marín, e Carla Iglesias, profesora do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente da Universidade. Outro está relacionado co modelado de amplificadores cerámicos para teléfonos móbiles, cuxos coordinadores son Guillermo G. Lomba, profesor do Departamento de Matemática Aplicada II, e Manuel A. Sobreira, do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións. Ademais haberá outro sobre modelos de predición do churn ou taxa de abandono dos clientes no sector das telecomunicacións, que estará coordinado por Irene Castro, da empresa Optare Solutions, e Marta Cousido e o propio Javier Roca, investigadores ambos de SiDOR. Por último, haberá un problema sobre a modelización e simulación numérica de fluxos en paisaxes urbanas, cuxos coordinadores serán os profesores Elena B. Martín e Marcos Meis, docentes ambos do Departamento de Mecánica de Fluídos.

O evento finalizará cunha sesión de presentación de resultados na que se comentarán os modelos analizados e os resultados acadados tras a súa aplicación ao problema industrial en estudo.