DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O candidato do Partido Popular participou nas "Xornadas sobre as eleccións ao Parlamento"

Núñez Feijóo presentou un proxecto electoral centrado en atallar o paro

Considera que as universidades galegas serán importantes para afrontar a crise

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 12/02/2009

A situación económica, o aumento do paro nos últimos tempos e as propostas do Partido Popular para atallar a crise centraron este xoves a intervención de Alberto Núñez Feijóo nas Xornadas sobre as eleccións ao Parlamento galego. O candidato do Partido Popular á Presidencia da Xunta considerou o paro “o principal problema” e atendeu as cuestións de alumnos e profesores sobre temas como o futuro dos novos licenciados, a peaxe da AP-9 ou a ensinanza en galego.
O decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Alberto Pena, e o coordinador das xornadas, Borja Dapena, foron os encargados de presentalo e agradecerlle a súa participación nesta iniciativa dos alumnos do centro xa que, segundo afirmou Pena, “nesta institución pódese substanciar o debate político”. O decano tamén lle ofreceu a dispoñibilidade da facultade “para construír o futuro de Galicia”.
Os datos do Instituto Nacional de Estadística segundo os cales a economía española leva dous trimestres decrecendo introducen, segundo Feijóo, “no vocabulario do pobo un novo concepto: o de recesión”. “Non veño falar nin dos culpables nin de pesimismo”, indicou o candidato popular, “senón de optimismo porque Galicia nunca contou con xente tan ben formada para afrontar esta situación”. E é que Feijoo sinalou que as universidades galegas, como “fábricas de talento, creatividade e coñecemento”, van ter un papel importante para solventar esta situación.
Feijóo confesou que “os máis de dous centos mil parados galegos son unha obsesión permanente” e, entre estes, destacou os “trinta mil titulados que están anotados nas oficinas do INEM”. O líder dos populares galegos non negou que a situación económica se explica, “en certa medida”, polo contexto internacional pero tamén destacou a “especial vulnerabilidade de España”. Como medidas de solución, presentou algunhas propostas políticas e sociais, “porque son as dúas caras da mesma moeda”, para impulsar a competitividade das empresas galegas, mellorar as infraestruturas dun xeito compatible co medio ambiente e alentar a modificación do sector público, que conta con máis de 90.000 empregados. Feijóo tamén presentou a opción do partido popular como “unha garantía de estabilidade política” ante a crise económica e indicou que “se nunha treboada o barco, entendido como o goberno de Galicia, está dirixido por dous capitáns, o normal é que escore e vaia contra a costa”.

O futuro dos estudantes

Como ocorreu na visita de Anxo Quintana, os estudantes pedíronlle consello ao líder popular para encontrar saída profesional ao rematar os estudos. Feijóo sinalou que “non hai nada sen traballo” e apuntou que “a clave é ter formación, saber inglés e ser un bo profesional". “Iso sempre dá resultado”, comentou. Algún estudante queixouse do custo que supón o desprazamento diario desde Vigo a Pontevedra para asistir á clase usando a AP-9. O candidato do PP expresou o seu compromiso de construír “unha autovía libre de pago” entre os dous núcleos urbanos facendo “que a actual autopista se convirta en autovía e a autovía por Redondela se convirta en autopista de pago”.
O alumnado tamén quixo coñecer a súa opinión sobre a presenza do galego nas aulas e retomando unha cita propia sinalou que o feito de que “todas as clases sexan en galego empobrece a cultura”. “Xa aprendín”, dixo en alusión aos seus anos de estudante, “que a imposición lingüística é un erro” e apuntou que “as clases están para ensinar e aprender e non facer ideoloxía”.

Políticas de comunicación e audiovisual

Ante un auditorio de estudantes formados no campo da comunicación e do sector audiovisual, Feijóo quixo ofrecer algúns apuntes dos seus proxectos para este campo e aproveitou para comentar “a enorme importancia” destes estudios para “saber comunicar e xestionar a comunicación que nos chega”. O candidato do PP compreteuse á elaboración dunha lei de comunicación institucional que “someta ao control do parlamento e dun informe técnico de profesionais” a publicidade das institucións públicas. Tamén expresou a súa intención de que o nomeamento do director da Compañía de Radio e Televisión de Galicia sexa realizado polo Parlamento galego. Un compromiso que, de saír elixido presidente da Xunta, “cumpría nos tres primeiros meses de lexislatura e faríase co voto favorable de 2/3 dos deputados”. Neste punto tamén aludiu a posibilidade dun debate cos candidatos de PSOE e BNG na televisión galega. “Non é que non queira debatir ou teña medo”, apuntou e afirmou que deu o si ás propostas de debates bilaterais con Touriño dos directores de informativos de Antena 3 e Televisión Española.