DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No Edificio Xurídico-Empresarial os días 13, 14 e 19 de xaneiro

Núñez Feijóo, Suárez Canal e Fernández Antonio debaterán cos estudantes posibles solucións á crise económica

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 09/01/2009

A actual situación económica no noso país, caracterizada por unha patente recesión, é unha cuestión que debe ser explicada e analizada. Iso foi o que pensaron os organizadores do ciclo de conferencias O desenvolvemento económico de Galicia: propostas en tempos de crise que comezará o martes día 13 de xaneiro e que durante tres xornadas e da man “de primeiras espadas da política galega tratarán de achegar solucións a esta problemática”, explicou Alberto Vaquero, coordinador dos relatorios e profesor de Economía Aplicada.
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo levaba algún tempo pensando na posibilidade de organizar un ciclo de conferencias destas características, no que “tres representantes da clase política de Galicia tratarán este tema”, dixo Vaquero. Grazas aos esforzos de todos e, de xeito especial, “á colaboración de Santiago Lago, profesor da facultade” estas xornadas saíron adiante.
Os relatorios terán lugar os dias 13, 14 e 19 de xaneiro ás 12.00 horas no salón de graos do Edifico Xurídico-Empresarial. Cada día un relator diferente aportará as súas propostas para saír da crise económica na que nos atopamos inmersos, tres perspectivas diferentes de tres forzas políticas distintas. O ciclo de conferencias abrirase coa intervención de Alberto Núñez Feijóo, presidente do Partido Popular de Galicia; o mércores será Alfredo Suárez Canal, conselleiro do Medio Rural, o encargado de achegar a súa visión e, por último, o luns 19 José Ramón Fernández Antonio, conselleiro de Economía e Facenda, pechará as xornadas. Cada relator tratará o tema título das xornadas, O desenvolvemento económico de Galicia: propostas en tempos de crise, dende o seu punto de vista e “aportando a súas receitas para mellorar a situación”, sinalou Vaquero.

Obxectivos e destinatarios

Coa organización destas xornadas, os coordinadores pretenden que a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo se converta en escenario de reflexión económica, “permitindo coñecer de primeira man as actuacións que plantexan as diferentes forzas políticas ante a actual situación”, explicou Vaquero. “Queremos achegar a realidade da crise aos universitarios e ofrecer unha visión próxima de como se toman as decisións públicas”, proseguiu.
As conferencias atópanse abertas a “todo aquel que lle interese escoitar o que se vai contar”, dixo Vaquero. Non obstante, ao tratarse de cuestións de carácter económico, agárdase que a maior parte dos asistentes sexan alumnos da licenciatura en Administración e Dirección de Empresas e da diplomatura de Ciencias Empresariais.
En palabras de Vaquero, “esta será unha experiencia única, xa que abre un oco para o debate económico a políticos de diferente ideoloxía”. Os alumnos coñecerán as opinións de “tres políticos de primeira fila en directo e tras a súa intervención poderán facer as preguntas que lles xurdan”.

Galicia en crise

Dende hai anos Galicia acumula un atraso importante en materia de desenvolvemento económico, se comparamos a nosa situación con outras comunidades españolas. “Se ben a política de inversións mellorou moito nos últimos anos, a debilidade económica sigue existindo e non vai ser fácil remediar esta situación”, explicou Vaquero. Sen embargo, por outra banda, “a falta dun sector industrial potente e un sector da construción reducido, diminuíu os efectos da crise en Galicia”. De tódolos xeitos, “2009 será un ano difícil, teremos que estar pendentes dos indicadores económicos dos próximos meses”, concluíu Vaquero.