DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Seis alumnos e alumnas de Belas Artes posan para un calendario cubertos só pola súa propia obra

Nus para difundir a creación artística

Dous estudantes deseñaron o almanaque, que está venda na facultade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 22/01/2014

As súas pinturas ou esculturas son o único que cobre a pel dos seis estudantes de Belas Artes que posaron para as fotografías que conforman o calendario desnudArte. Cristina Amado e David Crespo foron os impulsores desta orixinal iniciativa que xurdiu como un traballo para a materia Xestión, Ámbito Artístico e Mundo Cultural, impartida polo profesor Xosé Manuel Buxán, e coa que pretenden contribuír á difusión da produción artística que se realiza na facultade a través dun “formato accesible e pouco habitual”, destaca Crespo.

Buxán instou ao alumnado a “organizar unha acción cultural real, coa idea de que reflexionen sobre outras liñas de traballo máis alá da creación artística, para que saiban como é estar detrás da obra, xa que moitos acabarán despois traballando como comisarios, ou en centros culturais”, destaca o profesor. Algúns optaron por organizar unha exposición, outros por levar a cabo un evento, e houbo tamén quen se decidiu por “outro tipo de accións coa idea de que teñan repercusión e que sexan diferentes”, engade Buxán. De feito, “facer algo distinto” é precisamente o motivo que esgrimiron Amado e Crespo á hora de pedirlle aos seus compañeiros e compañeiras que posasen ante a cámara sen nada máis que a súa propia obra.

Arte nun formato accesible

Nun principio houbo quen se amosou “un pouco reticente” a sumarse a esta iniciativa, mais finalmente estes dous estudantes, que tamén exerceron como modelos para este traballo, lograron reunir a un grupo de catro alumnas e artistas dispostas a converterse nunha das seis imaxes que acompañan aos meses neste proxecto. Irene Ríos, tamén alumna de Belas Artes, foi encargada de fotografar a Elena Bello, Iria Chaves, Lara Torres, Iria Pérez e aos propios Amado e Crespo xunto coas súas esculturas ou pinturas para este calendario, no que hai cabida para estilos e técnicas diversos, desde a pintura hiperrealista ás “esculturas conceptuais de carácter sexual”, coas que posan os propios promotores da idea.

Inicialmente, Crespo e Amado pensaron no clásico calendario de parede, mais finalmente optaron por confeccionalo nun A3 pregable co que se compón un cubo, que estará á venda ata finais de xullo no servizo de reprografía da propia facultade aos prezos de 2 e 2,5 euros, en función do tipo de papel. “Non gañamos nada con eles, véndense a prezo de impresión. De feito iranse facendo segundo se vaian pedindo, porque con isto ninguén ten beneficios”, explica Amado, que subliña que “o motivo fundamental é promover a difusión do que se está facendo dentro da facultade cunha visión diferente”. Non en van, “trátase dunha forma de amosar arte nun formato accesible, barato e decorativo”, engade Crespo. De feito, na cara interna do cubo, detrás de cada fotografía, figura a información sobre a autoría, o título, as dimensións ou a técnica empregada que acompañarían a cada obra nunha exposición.