DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación e do Deporte é coorganizadora do evento que terá lugar en outubro en Catoira

A nutrición súmase á análise das Olimpíadas no VI Congreso Internacional de Adestradores de Piragüismo

Seleccionadores de Hungría, Austria, Bélxica ou Nova Zelandia, entre os relatores destas xornadas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 06/04/2016

Converter a localidade pontevedresa de Catoira nun referente mundial do piragüismo é o obxectivo central do Congreso Internacional de Adestradores en Augas Tranquilas, que entre o 14 e o 16 de outubro celebrará a súa sexta edición, coa Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte como unha das entidades organizadoras. Como salienta o presidente do comité organizador, o profesor Manuel Isorna, a análise dos “avances técnicos e tácticos” que implique para este deporte a celebración, poucos meses antes, dos Xogos Olímpicos de Río de Xaneiro serán o eixo dun simposio que contará coa participación dos seleccionadores de Hungría, Moldavia, Austria, Bélxica ou Nova Zelandia, así como co presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco, e que incorpora como novidade ao seu programa un taller de educación nutricional.

De periodicidade bianual, este Congreso Internacional de Adestradores de Piragüismo, que esta facultade do campus pontevedrés promove xunto coa Federación Española e o club As Torres, naceu co obxecto de realizar “unha análise técnica e táctica” do papel realizado polos padexeiros e padexeiras nas Olimpíadas de Atenas e desde entón “sempre que coincide en ano olímpico tentamos que a análise das finais centre, cando menos, o 60% do contido”, sinala Isorna. De aí que entre os relatores e relatoras destas xornadas figuren o adestrador do equipo nacional masculino e vicepresidente da Federación Húngara, Andras Faludy, que será o encargado de abrir as xornadas cunha conferencia sobre a preparación do adestramento desde a base ata o alto nivel o venres 14 de outubro, xornada na que o presidente do COE, Alejandro Blanco, analizará o presente e futuro desta modalidade deportiva nas Olimpíadas.

Xa o sábado 15, o congreso contará coa participación do seleccionador austríaco Gugliermo Guerini e da adestradora da selección feminina húngara, Katalin Szilardi, así como do seleccionador de Nova Zelandia, Gordon Walker, adestrador da gran promesa do piragüismo Lisa Carrington. Así mesmo, a análise dos Xogos completarse o domingo coas intervencións do seleccionador belga, Carlos Prendes, e do presidente da Federación Internacional de Piragüismo, José Perurena.

A nutrición incorporase ao programa

Dirixido tanto a adestradores e técnicos como ao alumnado universitario, ao que se lle recoñecerá a súa participación cun crédito de libre configuración, a sexta edición deste congreso internacional terá como novidade á incorporación ao programa dun taller de educación nutricional. “Trátase de aproveitar as sinerxías do congreso”, no que agardan reunir a preto de 300 persoas, “e dar posibilidades de elección aos asistentes”, sinala Isorna, que incide en que o obxectivo deste “taller teórico-práctico” e mellorar os coñecementos dos e das asistentes respecto do que implica “unha boa alimentación deportiva”.

Estas xornadas tamén prestarán especial atención ás innovacións tecnolóxicas vinculadas a este deporte, así como ás investigacións vinculadas co mesmo. Ata 30 de setembro permanece aberto o prazo de presentación de comunicacións a unhas xornadas que buscan ser “un lugar de encontro para a difusión e intercambio de coñecementos científicos e deportivos”, como sinala Isorna, que incide na importancia de potenciar a investigación vinculada a este deporte “e pensamos que á mellor maneira de facelo e que sexa tamén un escaparate no que os investigadores poidan dar a coñecer os seus traballos”.

Do Campionato de España á Copa do Mundo

Xunto co presidente da RFEP, Juan José Román, Isorna desprazouse o pasado mes de marzo a Sevilla para presentar o programa deste congreso diante da elite deste deporte, co gallo da celebración do Campionato de España nesta cidade andaluza. “Por experiencia de anos anteriores, é moi importante a presenza física neste tipo de eventos”, sinala o presidente do comité organizador, que con ese mesmo obxectivo viaxará en maio ata a localidade alemá de Duisburg, onde presentará tamén estas xornadas, coincidindo coa celebración da Copa do Mundo..