Un oasis no deserto do financiamento e do desemprego
Grupos de investigación da Universidade empregan o boca a boca para fichar novos científicos para os
Ofrécese contrato a persoa licenciada para realizar tese de doutoramento durante tres anos "con salario competitivo". Aínda que nos tempos que corren pareza incrible, esta é a oferta que o Departamento de Química Física fai para un novo proxecto financiado con máis de 110.000 euros pola Xunta, un oasis no deserto de noticias sobre a falta de fondos para contratar investigadores. “Se os cartos que che dan chegan é normal que contrates a alguén para formalo nun campo determinado e procurar que reverta na sociedade. O problema é que en época de crise recórtase o financiamento porque parece que aínda non temos asumido que promover a investigación é o xeito de saír dela e acadar un estado de benestar bastante aceptable”, explica Carlos Bravo, catedrático e investigador principal do grupo que acadou a subvención.
Se hai uns anos o 1% do PIB de Galicia estaba destinado a I+D, cunha evolución de crecemento continuo, as novas circunstancias económicas obrigan a facer importantes recortes que se traducen nunha redución dos fondos autonómicos do 40% e na incorporación de só 15 científicos ao Sistema Galego de Innovación. O resultado, que “a xente se asusta ao pensar que ten que estar tres ou catro anos máis na facultade facendo a tese, porque son apostas a longo prazo. A vida dá moitas voltas e non se sabe se a crise vai empeorar ou non. Hai moita inestabilidade, a carreira investigadora é demasiado longa e a xente prefire algo máis práctico, aínda que supoña marchar ao estranxeiro”, recoñece Bravo.