DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un volume colectivo cunha marcada vocación social

A obra "Lingua e futuro" ofrece dez alternativas á situación do galego na actualidade

Filoloxía e Tradución acolleu a presentación do novo título da editorial Laiovento en defensa da lin

Etiquetas
  • Vigo
D. Besadío DUVI 29/04/2010

“A lingua galega ten futuro, igual que o teñen todas as linguas, xa que cada unha delas ha de ser o que os seus falantes queiran”. Así de rotunda se manifestou esta mañá na Facultade de Filoloxía e Tradución Goretti Sanmartín, coordinadora do libro Lingua e futuro, no que se recollen dez artigos ligados entre si polo obxectivo central de ofrecer alternativas actuais a situación da lingua galega. Son, tal e como se destaca no prólogo, “dez discursos heteroxéneos que conflúen na necesidade tanto de preservar o galego como lingua propia e principal deste país como de denunciar o asasinato das linguas coma unha ferramenta máis de opresión e de dominación”.
O volume, nova aposta da editorial Laiovento para achegar argumentos científicos desde unha postura de compromiso coa lingua, é unha obra colectiva cunha marcada vocación social, “unha defensa do galego pero tamén do dereito á heteroxeneidade e a diversidade”, subliñou a coordinadora, responsable da Área de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña. Trátase de facerlle ver aos falantes “que non todo é tan negativo como nos tentan facer ver e que as cousas poden mudar co noso compromiso diario e cotián”, insistiu Sanmartín.

Dez propostas para solucionar dous grandes problemas

Mergullándose na complexidade da situación sociolingüística actual, Lingua e futuro recolle as propostas de dez autores para tentar solucionar os que consideran “dous grandes problemas que ten o galego na actualidade”: dunha banda,o proceso de substitución lingüística, que provocou que nos últimos 50 anos o idioma se fale cada vez menos e, non menos importante, o proceso de deturpación ou corrupción da lingua, en referencia aos preocupantes cambios de estrutura sintáctica que se están a producir e que provocan, entre outros aspectos, que a xente vaia perdendo a conciencia do significado de moitas palabras ou mesmo a capacidade de entender algo tan “propio como a retranca galega”.
“Dez das nosas mellores cabezas reuníronse para reflexionar acerca das alternativas á situación do galego na actualidade nun momento no que se producen constantes ataques á nosa lingua propia”, indicou na presentación do volume o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, en referencia a participación na obra de numerosos intelectuais, “trátase dunha achega feita desde a Academia con análises rigorosas por parte dos autores e autoras, que pon en contradición a quen di que a defensa do galego é violenta”. Entre estes autores, atópase tamén a profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución, Iolanda Galanes, que asistiu á presentación e gabou “a xestión impecable en termos de mobilidade e fomento do plurilingüismo” levada a cabo polo vicerreitor.

Óptica heteroxénea

Para aqueles que aínda non lesen a obra, Goretti Sanmartín recomendoulles aos asistentes, entre os que se atopaban os docentes Camiño Noia e Manuel Forcadela, comezar polo artigo de Manuel Núñez Singala, “no que en tan só dez páxinas retrata os principais problemas do galego” a través dunha escena tan común coma un xantar familiar no que se dan cita tres xeracións.
Este foi só un exemplo, xa que a coordinadora debullou un por un cada un dos artigos que, concibidos desde unha óptica heteroxénea, contestan ao “discurso de imposición” do galego, desde temáticas tan variadas como a conveniencia de renovar o discurso de defensa da lingua, ata unha análise do anteproxecto do decreto do galego. Tamén outros menos frecuentes, coma no caso da profesora Iolanda Galanes, que reflexiona sobre a necesidade de promover o galego nos ámbitos especializados coma o científico. “O obxectivo é desmontar con datos de uso do galego a falacia da imposición lingüística e salientar o carácter estratéxico dos usos especializados (investigación, docencia, etc.), aínda máis tendo en conta o atraso de desenvolvemento, estimado en dous séculos, con respecto ás linguas da súa contorna”, subliñou Galanes.