DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra trasladarase a vindeira semana ao Teatro Vidal Bolaño

A obra 'Monstro meu' pechou as representacións da Miteu no Auditorio Municipal de Vigo

O luns retómase o espectáculo coa obra de Fernando Dacosta 'Un novo mundo feliz'

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 20/04/2012
Monstro meu, a cargo da Aula de Teatro da Universidade da Coruña e do CITAC de Coimbra, respectivamente, protagonizaron a última xornada da Miteu no Auditorio Municipal de Vigo que esta edición se estreou como escenario da Mostra Internacional de Teatro Universitario. A relación imaxinaria que mantén unha nena cun monstro inventado por ela para poder falar con alguén foi o fío dunha historia á que deron vida os actores Anabela Ribeiro, João Silva, Patricia Antunes e Viviane Andrade.

Baixo a dirección de Rodrigo Santos, encargado tamén da escenografía e da música, o público descubriu a historia dunha meniña que, por fin, conseguiu un amigo co que falar, falar... e, mesmo, gritar... ata que entendeu que xa ninguén lle contestaba. Logo sentiuse soa... de novo e tentou inventar o amigo outra vez. Tarde demais. Restoulle transformarse nuns mostro para falar consigo mesma.

As representacións volven ao Vidal Bolaño

A mostra trasladarase a vindeira semana ao Teatro Vidal Bolaño que iniciará as representacións desta edición coa dramaturxia de Fernando Dacosta a partir de Un novo mundo feliz de Aldous Huxley, coa obra do mesmo título na que o caos se apodera dun mundo invivible de mentiras reiteradas, falta de perspectiva e pobreza extrema. Contra el progreso do Grupo de Teatro da Universidade Pública de Navarra, reflexionará ao día seguinte sobre o progreso, unha meta aparentemente desexable, aínda que non para todo o mundo.

O rostro humano dunha inmigración obrigada , o desarraigo e a soidade, centran a proposta de Teatro La Polea de Costa Rica, El inmigrante, el Nica. O monólogo ao que dá vida César Meléndez, está baseado en feitos reais. E será a dramaturxia de Pepa Barreiro a partir de A tumba de Antígona, Dentro do labirinto representada pola Aula de Teatro da Universidade de Vigo, a que baixará o pano das representacións desta edición da Miteu en Vigo. Unha obra na que se afonda na conciencia como característica máis humana, conciencia que aluma a Antígona, a aurora que reitera en cada unha das súas reaparicións.