DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A representanción terá lugar o domingo ao mediodía no Museo do Mar de Vigo

A obra teatral "Ciencia sen palabras" baixa o pano da Semana da Ciencia

O domingo tamén se entregarán os premios do concurso de relatos Ciencia que conta

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 17/11/2009
Sobre o escenario dous personaxes: un profesor científico con toga e birrete e o seu compañeiro, burlón e pasota. Eles, son os encargados de poñer en marcha unha serie de experimentos científicos ou demostracións dalgún concepto da ciencia que teñen como peculiaridade que non se acompañan de explicacións verbais. E é que Ciencia sen palabras, a obra da que son autores Pío M.González e Carlos Godoy é unha representación teatral sen palabras que pon de manifesto que a ciencia pode chegar a nós tamén sen comunicación verbal, neste caso só coa imaxe.
“Procuramos transmitir a todos os públicos o espírito e o traballo científico, amosando que a ciencia pode ser divertida, aínda que precisa de estudo , esforzo e coñecemento”, sinala Pío M. González, profesor do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo e autor do guión da obra que este domingo se representará ás 12.00 no Museo do Mar de Vigo dentro da programación da Semana de Ciencia que remata esta fin de semana. A obra que será representada polo grupo Roto e descosido, está dirixida a todos os públicos “incluídos colectivos como o xordo que non teñen as mesmas posibilidades de comunicación que o resto da sociedade”, sinala González.

Entrega de galardóns do concurso de relatos Ciencia que conta

Unha vez finalizada a representación da obra, procederase á entrega dos premios do concurso de relatos Ciencia que conta ao que concorreron un total de 110 traballos nas categorías de Primaria, Secundaria, Bacharelato e Público Xeral. A iniciativa do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo ten a finalidade de por en valor a importancia da ciencia, así como un mayor coñecemento e recoñecemento social destas actividades. A lectura de fragmentos dos relatos gañadores irá acompañado da actuación dun grupo de jazz e cortos de vídeos científicos, nun intento de fusionar ciencia, literatura, música e cine.