DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impartido polos directores do programa promovido polo alumnado ‘El Escaparate’

Un obradoiro busca que o “verme da radio” se espalle polo campus

Inserido na programación de Extensión Universitaria da Vicerreitoría, ten lugar en CCSS e da Comunic

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 25/09/2017

Espallar polo campus o “verme" pola radio que hai tres anos motivou o nacemento, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, de El Escaparate, un programa semanal que o alumnado difunde a través da rede, foi un dos motivos que levou aos directores deste espazo, José Jardón e Jorge Gómez, a promover, baixo a coordinación da profesora Aurora García, o obradoiro Iniciación á creación dun programa de radio, que nestas semanas se desenvolve nesta facultade. Inserido no programa de obradoiros impulsado pola Vicerreitoría do campus para este primeiro cuadrimestre, este taller ten como propósito ofrecer ao alumnado un primeiro achegamento aos diferentes xéneros radiofónicos.

“Queremos que abranga todo o espectro da programación, polo que en cada xornada abordamos un xénero diferente”, explica Jardón deste taller de 30 horas de carácter eminentemente práctico, no que estes dous estudantes de Comunicación Audiovisual propoñen ao alumnado unha serie de actividades que os leven a vivir un primeiro achegamento aos informativos, magacíns, faladoiros, debates ou entrevistas. “É un obradoiro para estar o 90% do tempo diante do micrófono”, engade o estudante e xornalista Jorge Gómez, que explica que se ben diferentes exercicios están dirixidos a achegarlles “algunhas claves para locutar correctamente”, outro dos propósitos do taller é amosar “que a radio é moito máis que pórse diante do micro”. Con ese propósito, as diferentes sesións que se veñen desenvolvendo ao longo do presente mes compleméntanse á súa vez con encontros nos que profesionais do medio lles achegan a súa visión da radio.

Un xeito de facer canteira

Tras celebrar o pasado mércores un cásting para a incorporación de novos membros ao seu equipo, Radio Escaparate dará comezo nas próximas semanas á súa cuarta tempada e nese senso un dos propósitos deste obradoiro é precisamente “facer canteira de radio”, co propósito de espertar o interese por este medio entre o alumnado. “A maioría dos alumnos son estudantes da facultade de primeiro curso e hai que dicir que estanos a sorprender o seu moi bo nivel”, engade Gómez das e os participantes nunha iniciativa que, nese senso, buscaba tamén contribuír a “renovar pouco a pouco” un espazo promovido polo alumnado da facultade e aberto, como sinalan, á participación de toda a comunidade universitaria.

A realización por grupos, como exercicio final, do seu propio programa radiofónico servirá como peche ao que foi o primeiros dos obradoiros de Extensión Universitaria convocados pola Vicerreitoría en pórse en marcha no presente cuadrimestre. Abertos tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía, esta oferta formativa aínda mantén aberta a súa inscrición nos talleres de Iniciación á escalada en rocódromo, que dá comezo o venres 6 de outubro, e no Taller de ecopercusión. Así mesmo, a Área de Extensión Cultural do campus tamén mantén aberta a matrícula nos cursos Comisariado e estratexias para artistas, Fala, oratoria e comunicación e Locución audiovisual, así como na Aula Permanente de Música Tradicional.