DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O obradoiro de efectos especiais encherá de imaxes macabras o Edificio de Ferro

Unha exposición recolle os traballos realizados durante o curso

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 22/05/2008

Sangue, feridas, vísceras, membros amputados e incluso realistas imaxes dunha autopsia encherán a partir do vindeiro luns as paredes do Edificio de Ferro grazas á exposición de fotografía na que os alumnos do obradoiro de Introducción aos efectos especiais para cine e televisión amosan os seus traballos. O curso, impartido por Ricardo Spencer, finalizou esta semana abalado cun enorme éxito na súa primeira edición no campus, se ben xa viña avalado por seis anos de andaina en Pontevedra.
A idea de realizar unha mostra do aprendido xurdiu dos estudantes da Facultade de Belas Artes, “que tiñan coñecementos fotográficos e propuxeron plasmar os exercicios que fomos facendo ao longo do obradoiro” explicou Spencer. Na cidade do Lérez o profesor imparte ademais deste curso, outro máis específico sobre Efectos especiais de maquillaxe-modelado e moldes, “xa que a demanda dun segundo nivel era moi alta” matizou. Alí, todos os anos realizan un vídeo no que amosan o aprendido, “pero en Ourense a xente non tiña coñecementos de gravación e montaxe, ademais que as 30 horas coas que contamos eran insuficientes e quedaría un filme cheo de lagoas” dixo Spencer. Así, decidíronse por facer algo máis accesible cos medios cos que contaban, “en sucesivas edicións xa tentaremos buscar os máis axeitados, pero de todos os xeitos, as imaxes quedaron moi ben para ser a primeira vez” engadiu.
As fotografías sorprenden polo seu realismo e máis cando o profesor revela os segredos da súa elaboración. “A base son cousas que todos temos preto, baratas e fáciles de conseguir, pois o obxectivo é aproveitar calquera material que poida servir” explicou. Así o sangue non é máis que unha mestura de mel con colorante vermello para viño, e as vísceras están realizadas cunha masa de fariña, aínda que tamén empregan materiais máis profesionais “como silicona ou acrílicos, por exemplo” matizou. O resultado é impactante e acertado, tanto que consegue desorientar ao público que precisamente, é o que persegue Ricardo Spencer, que ten unha longa traxectoria producindo efectos especiais na súa empresa para case todos os proxectos de cine e televisión realizados en Galicia. Ademais, tamén é profesor na Escola de Imaxe e Son do Colexio Marcote.

O obradoiro volverá o curso que vén

Para os asistentes o balance non pode ser máis positivo. “A verdade é que non esperabamos unha resposta tan boa, tendo en conta que aquí non se imparten titulacións relacionadas co mundo audiovisual” explicou Spencer. Entre os 17 participantes, houbo unha variada representación de todas as carreiras do campus, dende Historia ata Enxeñaría Informática, pasando polas diferentes ramas de Ciencias da Educación. "Son todas moi afastadas das que se imparten en Pontevedra, como Publicidade e RRPP ou Comunicación Audiovisual, moito máis afíns co mundo da televisión e o cine", continuou.
Tal foi a aceptación que a idea é repetir a mesma proposta o ano que vén, “xa que seguro que os alumnos responden ben e ademais dende a Universidade xa manifestaron o seu interese” concluíu o profesor.