DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Interveñen profesionais de recoñecidas axencias estatais e galegas

O obradoiro EmpreGo! preparará aos asistentes para dar o salto ao mercado laboral no sector publicitario

Os participantes terán a posibilidade de presentar os seus currículos e porfolios

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 28/04/2010

Aproxímase o fin de curso e para moitos iso significa pechar unha etapa de formación na Universidade e lanzarse a buscar o primeiro traballo. Axudarlles a dar ese salto ao competitivo mundo laboral, en concreto do sector publicitario, é o obxectivo o obradoiro EmpreGo!, pensado para estudantes dos últimos cursos ou titulados recentes das licenciaturas en Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual. Durante dous días, o 5 e o 6 de maio, os participantes poderán asistir a conferencias de profesionais do ámbito publicitario que os orientarán para abrirse camiño e emprender unha busca activa de emprego. De xeito paralelo, terán a posibilidade de presentar os seus currículos e portfolios cara a cara con responsables de selección de axencias de ámbito galego e estatal. Así o explican na web Jorge Lens, Alberto Dafonte e Chechu Pérez, os profesores que organizan a actividade.

Dos máis expertos aos novos valores

Entre os convidados ao obradoiro atópanse nomes considerados estrelas no ámbito da publicidade e outros máis novos que están comezando a despegar. Un deles é Santiago Romero, que tras traballar nas máis recoñecidas axencias a nivel estatal, vén de fundar en Vigo Verve Audiovisual.
Contarase coa presenza doutros dous creativos de renome que tamén veñen de poñer en marcha o seu propio proxecto tras vinte anos de experiencia: Rafa Antón, impulsor da axencia China, e Eduardo Lozano, promotor da axencia de publicidade virtual Libre.
Para romper co mito de que no sector publicitario hai poucas mulleres o programa inclúe unha das publicistas máis representativas de España, Concha Wert, xerente do Club de Creativos (CdC) desde a súa fundación.
Como exemplo das posibilidades que se abren ao rematar a carreira, estará María Juanatey, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo e gañadora do Versus’08, o concurso organizado polo CdC, que lle permitiu realizar campañas pre-profesionais para axencias como OgilvyOne, Revolution, Sra. Rushmore, McCann Erickson ou Tiempo BBDO. Logo desta experiencia foi training en Remo D6 e na actualidade é copy junior en BAP&Conde.
O programa complétase coas intervencións de Luis Alcántara (Alcántara&Partners), Jaime Conde (Quattro IDCP), María Rodríguez (Marujas Creativas), Brais Méndez (Zumo Estudio), Rafa Coelho (creativosenparo.com) e Miguel Conde (BAP Conde).

Inscrición e créditos de libre configuración

Na web do ciclo están dispoñibles os formularios de inscrición, con modelos diferentes para estudantes e licenciados. A matrícula é totalmente gratuíta e aos asistentes concederáselles un diploma e, no caso de ser estudantes, un crédito de libre configuración. Para poder presentar o currículo ou o portfolio persoais é obrigatorio estar inscrito no ciclo completo.