DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa está dirixida pola socióloga Tareixa Ledo e na mesma participan 15 mulleres

Un obradoiro ensina as claves do autocoñecemento como ferramenta para o cambio

No marco das actividades organizadas co gallo da celebración do Día da Muller

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 16/03/2010

Durante anos a muller viviu dedicada aos demais. Ao coidado de pais e avós primeiro e ao dos fillos despois sen esquecer a atención da casa. A loita do movemento feminista e a consecución de dereitos fundamentais para a muller fixeron que esta situación mudase pouco a pouco ata chegar a uns tempos como os actuais nos que o colectivo feminino está plenamente integrado na vida social e laboral. Con todo, na figura da muller conviven aínda, en moitos casos, esa vocación de axuda e sacrificio polos demais e o esquecemento de si mesma e das súas necesidades e sensacións. Unha realidade que contrasta coa opinión de estudosos como a socióloga Tareixa Ledo, experta en xénero e en coordinación de grupos en terapia de reencontro, que cre que só dende o coñecemento de un mesmo se poden dar pasos para o cambio. Este obxectivo é o que guía o obradoiro Autocoñecemento para o cambio que a socióloga dirixe no campus, un “espazo terapéutico e sanador” como ela mesma o define, dirixido a mulleres, que ten por obxectivo que as participantes aprendan a mirar ao seu interior e a coñecerse a si mesmas para poder cambiar aqueles aspectos da súa vida cos que non están conformes. “A finalidade do curso é, a partir de exercicios moi sinxelos, favorecer que cada muller vaia contactando co seu corpo, coas súas sensacións, cos seus sentimentos e coas súas emocións e vaia comprendendo cousas da súa vida para poder cambiar aqueles aspectos cos que non están conformes e reforzar outros que consideren positivos”, explica.

Aprender a detectar pequenas situacións de maltrato

A socióloga parte de exercicios moi sinxelos, como o contacto de mans entre as participantes, para espertar nelas o interese por coñecer o que lles pide o seu corpo. Un “pequeno traballo de escoita do noso corpo”, nas palabras da relatora, reforzado con exercicios de respiración e de sensibilización corporal. A profesora Ledo cre que “na medida en que teñamos escoitado o noso corpo non imos permitir que outras persoas nos maltraten e tampouco nos poremos nós en situación de maltrato senón que, moi ao contrario, imos buscar espazos para o noso goce e coidado”, explica. Todo isto favorecido por un contexto de grupo onde cada participante amosa as súas experiencias e sensacións e no que se exercita tamén o bo trato “para detectar na vida cotiá pequenas situacións de maltrato que vivimos as mulleres, persoas con vidas normais que reciben frases como a de "ti cala, que non serves para iso´”. Tareixa Ledo cre tamén que a muller vive dende o sacrificio para os demais e que por iso unha das claves do obradoiro vai ser a de traballar aspectos como o erotismo que axuden ás participantes a conectarse co seu corpo dende o pracer.

Un espazo terapéutico no que sentirse coidadas

O obradoiro comezou o seu desenvolvemento este luns e continuará os días 22 e 29 de marzo para traballar aspectos como a experiencia de ser e de sentirse coidadas, “algo que ás mulleres nos falta moito” en opinión da socióloga. Ao longo destas xornadas a profesora Ledo facilitaralles ás participantes “un espazo no que vai haber moita escoita de nós mesmas e das demais dende o respecto e o bo trato e, a partir de aí, que cada unha siga o camiño que considere adecuado”. Di a socióloga que o seu papel na iniciativa limítase a ofrecer unha serie de instrumentos teóricos e prácticos “para que cada unha destas mulleres poida facer despois o seu propio percorrido vital”. Tareixa Ledo define a iniciativa como “un espazo terapéutico, sanador, que posúe todos os compoñentes do bo trato e da conexión co propio corpo dende o pracer. Conseguir todo isto vai permitir que a muller acade despois un amor pola vida”, declara.

Actividades do Día da Muller

O obradoiro Autocoñecemento para o cambio que imparte a profesora Ledo no campus forma parte das actividades organizadas pola concellería de Igualdade do Concello de Ourense co gallo da celebración do Dia da Muller, nas que colabora a Vicerreitoría de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo entre outras institucións. A próxima cita da programación é a representación teatral da obra A filla de Woody Allen, dirixida por Santiago Cortegoso e interpretada por Marián Bañobre. A función terá lugar este mércores, 17 de marzo, ás 20.30 horas, no Café Cultural Auriense.