DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola Oficina de Orientación ao Emprego

Un obradoiro ensina a estudantes e titulados as técnicas precisas para atopar emprego

Coñecerse a un mesmo e á contorna son dúas claves na procura

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 21/04/2009
Atopar emprego nunca é unha tarefa fácil e máis nos tempos que corren, sen embargo certas técnicas poden axudar a obter máis éxito neste labor. Co obxectivo de asesorar sobre a procura activa de traballo e facilitar o coñecemento das ferramentas precisas para esa busca o campus acolleu este martes no Pavillón de estudantes o Obradoiro de técnicas de busca activa de emprego, impartido por Reyes Fernández e Mercedes Inza, orientadoras laborais da Oficina de Orientación ao Emprego, OFOE.
Neste obradoiro ambas docentes fixeron un repaso ao currículo e á carta de presentación, á formación e adquisición de experiencia mediante prácticas profesionais, ao acceso ao emprego privado e á selección de candidatos entre outras claves á hora de procurar traballo. “A busca de emprego é unha tarefa que require moito esforzo, debe ser activa e hai que estar sempre cos ollos e os oídos atentos a calquera información sobre o mercado laboral”, aconsellou Fernández. O máis importante á hora de buscar emprego é “coñecer a contorna e coñecerse a un mesmo”, xa que os esforzos da procura serán máis produtivos e permitirán conxugar “o que demanda o mercado cos vosos gustos e competencias”, explicou Fernández.
O obradoiro, que se desenvolveu ao longo do día, contou coa participación de estudantes do campus, pero tamén de persoas tituladas que se atopan iniciando o camiño para acadar o seu primeiro emprego e que quixeron coñecer as técnicas e ferramentas que poden facer que unha empresa se decida por un candidato e non por outro.

Algúns consellos

O obradoiro comezou con algúns consellos para o proceso de busca como é a creación dunha axenda de busca de emprego na que se compilen “noticias sobre empresas que vos interesan, ofertas de traballo, prácticas, bolsas, etc.”, comentou Fernández.
Ademais tamén é recomendable, sobre todo cando se está a comezar no mercado laboral, buscar empregos nos que se poidan ampliar coñecementos e melloren as perspectivas futuras, así como non deixarse levar pola cantidade de cartos que se poidan gañar, “é mellor un traballo que vos guste aínda que cobredes menos, que un no que esteades a desgusto a pesar de que cobredes moito”, dixo Inza. Neste sentido, é moi interesante a realización de prácticas profesionais non laborais, “que aínda que non supoñen unha cotización á Seguridade Social serven para coller experiencia e mellorar o voso futuro laboral”, xa que o obxectivo das prácticas é facilitar a preparación para o exercicio profesional en áreas da empresa relacionadas coa formación do estudantado ou coas súas posibles saídas laborais.
Xa metidos a responder a algunha oferta ou candidatarse é moi importante a primeira impresión, por iso o currículo non só debe describir o historial académico senón que ademais debe presentarse de xeito limpo, conciso e ordenado; o mesmo se debe aplicar á carta de presentación. Ambos documentos “deben ser elaborados de forma distinta para cada empresa e posto de traballo”, destacou Fernández.
Tras superar varias probas chega o momento da entrevista de traballo. Antes de acudir á cita “é aconsellable reunir toda a información posible sobre a empresa e o emprego a desenvolver”. O día da propia entrevista cómpre ser puntual e coidar o aspecto persoal, dado que o experto que avalía esta fase do proceso fixarase tanto na comunicación verbal como na xestual e na actitude do candidato ou candidata.