DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impartido por José Luis Martínez Orge, profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática

Un obradoiro ensinaralle aos docentes a crear páxinas web persoais

O prazo de matrícula remata este xoves e as clases comezarán día o 21 de xuño

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 16/06/2010

Explica José Luis Martínez Orge, profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática, que a utilidade dunha páxina web persoal “depende das necesidades de cada usuario” e afirma tamén que os seus obxectivos poden ser do máis heteroxéneos, “dende a publicación de contido máis profesional ou docente ao máis persoal”. Os docentes da Universidade de Vigo teñen agora a oportunidade de aprender a deseñar a súa páxina web persoal nun obradoiro impartido por Martínez Orge e que comezará o seu desenvolvemento o día 21 de xuño no Edificio de Ferro. O curso consta de 20 prazas e o prazo de matrícula para poder participar no mesmo remata este xoves, 17 de xuño.
O seminario consta de 20 horas lectivas que se repartirán ao longo de 10 días (21, 22, 23, 24, 28, 29 e 30 de xuño e 5, 6 e 7 de xullo) en sesións de dúas horas de duración cada unha. Martínez Orge explica que a finalidade do obradoiro é que os asistentes ao mesmo adquiran a capacitación adecuada para crear páxinas web persoais que inclúan contidos relacionados coa docencia e a investigación sen descoidar o aspecto básico do deseño. De feito este é o apartado do curso máis subliñado polo docente. “Nas clases examinaremos como é o proceso de creación dun sitio web no que os participantes poderán coñecer un pouco as interioridades do deseño e da creación de páxinas web”, declara.

Dende unha introdución a Internet ata o deseño da web

O programa do curso comezará cunha introdución a Internet na que o alumnado coñecerá as posibilidades que pode achegar a comunicación a través das páxinas web e os elementos físicos que a permiten. Outros contidos do seminario son a ferramenta de desenvolvemento Dreamweaver, o deseño e a maquetación das páxinas web así como a estrutura das mesmas, a creación de contidos para que o sitio web se axuste a unha páxina persoal co perfil de docente, a aplicación de estilos a esas páxinas web para cambiar a súa aparencia e, finalmente, o mantemento do sitio para que o docente saiba como ter actualizada a súa web e como xestionala de forma eficiente unha vez que a publique.
O profesor Martínez Orge cualifica de “moi importante” a adquisición de coñecementos sobre a creación de páxinas web persoais “porque lles van permitir aos asistentes deseñar os seus propios contidos e a súa propia web sen empregar un sistema herdado ou ríxido que non permita modificar a maneira de amosar e de xestionar os contidos. Con este curso os docentes poderán empezar o seu propio deseño dende cero e construír o seu sitio persoal con total liberdade e ao seu gusto”, afirma. O informático sinala tamén que a adquisición destes coñecementos serviralle aos docentes da Universidade “como apoio á súa actividade docente e investigadora”, declara.