DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dun curso virtual, inserido na programación de extensión universitaria da Vicerreitoría

Un obradoiro inicia ao alumnado na linguaxe das fotografías 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Académica
DUVI Pontevedra 22/12/2022

“Facer fotografía non é sacar fotos”, sinala o fotógrafo e deseñador gráfico Tony Vacas, principal docente do obradoiro de extensión universitaria que nestes meses busca contribuír á “alfabetización visual” do alumnado, iniciándoo no coñecemento dunha serie de cuestións relacionadas coa linguaxe fotográfica, a percepción visual e as ferramentas compositivas. Dirixido pola profesora da Facultade de Belas Artes Mar Caldas, o taller Visión e composición fotográfica desenvólvese de xeito virtual, combinando nas súas sesións semanais a análise dos traballos realizados polo alumnado coa abordaxe de diferentes cuestións relativas aos aspectos estéticos e compositivos que conforman a linguaxe fotográfica.

Inserido na programación de obradoiros da Vicerreitoría do campus para o primeiro cuadrimestre, este curso naceu, como explica Caldas, co propósito de que o alumnado de Belas Artes puidese “continuar ampliando coñecementos” sobre unha disciplina que “utilizarán constantemente” durante a súa formación, xa que, sinala, "só temos materias de fotografía en primeiro e logo temos unha optativa en cuarto curso". Nese senso, o taller no que se forman oito persoas, tanto alumnado da facultade como persoas alleas á comunidade universitaria, busca “que as e os estudantes desenvolvan a súa capacidade perceptiva visual a partir do coñecemento das ferramentas compositivas”, como sinala Vacas.

“Como en calquera linguaxe, na visual tamén, é imprescindible coñecer o seu alfabeto para poder expresarnos, para poder narrar”, engade este fotógrafo, que incide en que “facer fotografía implica posuír unha serie de coñecementos que interactúan no momento do acto fotográfico”. Nese senso, o taller pon o foco no feito de que nesta disciplina conflúen unha serie de aspectos “técnicos, estéticos e de linguaxe, todos eles relacionados”, xa que, lembra, á hora de realizar unha fotografía “tomar unha decisión técnica terá unha consecuencia estética e influirá na narrativa de dita imaxe”.

Da teoría á práctica

“Neste curso, centrámonos nos aspectos estéticos, en comprender como funciona a percepción do ser humano para saber como traballar con todas as ferramentas coas que contamos”, sinala Vacas dun taller que se desenvolve de xeito virtual entre os meses de outubro e xaneiro. Nese senso, aspectos como os planos e puntos de vista, a liña icónica da imaxe, a luminosidade, o contraste, o tratamento da cor, os tipos de perspectiva ou a estrutura dos centros de interese forman parte dos contidos a abordar nun curso “teórico-práctico”, que combina en cada sesión a abordaxe dos diferentes bloques de contidos cunha parte inicial centrada na análise dos traballos prácticos que as e os participantes realizan cada semana.