DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Amparado por un notable éxito entre a comunidade universitaria

O obradoiro de iniciación á ópera ábrese a toda sociedade viguesa

Retransmitiranse en tempo real e subtitulados en galego cinco títulos da tempada do Liceu

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 06/10/2008

Sen necesidade de ser universitario ou alumno dun conservatorio, por primeira vez calquera vigués poderá matricularse no Obradoiro de Ópera, unha innovadora actividade que permite aos asistentes disfrutar da retransmisión en tempo real e subtituladas ao galego de cinco óperas desde o gran teatro do Liceo de Barcelona e un título en diferido do Teatro Real de Madrid.
O proxecto, iniciado no 2002, ven respaldado cun notable éxito entre a comunidade universitaria, “precisamente foi este éxito o que nos levou a ampliar ata cen o número de prazas e abrir a actividade a calquera persoa interesada”, salienta Alfonso Caride, técnico de Actividades Culturais.
Para esta nova posta de largo do programa renovouse o sistema de vídeo e son do salón de actos da Escola de Enxeñaría Técnica Industrial, onde teñen lugar as retransmisións. “Estas melloras técnicas van permitir aos matriculados acudir ás representacións e vivir a maxia do directo, sen necesidade de desprazarse do centro de Vigo”, subliñou Alfonso Caride.

Programa formativo a cargo do director de Are More

Previamente á emisión das óperas, os matriculados no obradoiro asistirán a un programa formativo que os leve a coñecer as principais claves do mundo da ópera en xeral e da obra a visionar en particular. Ademais, o curso complétase cunha presentación previa duns 10-15 minutos con contidos elaborados polo propio Liceo e cun portal en Internet de información suplementaria.
O programa formativo corre a cargo do profesor do Departamento de Musicoloxía do Conservatorio Superior de Música de Vigo, Roberto Relova, director tamén do festival Are More e presidente de Amigos da Ópera de Vigo. Nas súas clases tratará de situar as óperas no seu momento histórico, na evolución da música teatral e na propia obra do compositor. Xunto a isto atenderá tamén ás características vocais e orquestrais da peza e dará as claves de lectura da produción.
O programa iniciarase o 20 de outubro coa retransmisión de Tiefland de Eugen d’Albert e estenderase ata o vindeiro 27 de maio. Namentres o programa formativo terá lugar do 24 ao 27 de novembro en horario de 17.00 a 19.30 horas.

Matrícula aberta ata o 17 de outubro

O prezo desta actividade, validable por dous créditos para universitarios e para estudantes do grao superior do Conservatorio, é de 40 euros para o público en xeral, 30 para os membros da comunidade universitaria e 20 para os estudantes bolseiros.
Os interesados en participar poden inscribirse ata o vindeiro día 17 ven na oficina de Extensión Cultural ou en calquera dos rexistros auxiliares de Vigo, Ourense ou Pontevedra. En “Máis información” pode consultarse o programa completo do curso, así como información detallada sobre como formalizar a matrícula.