DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A data límite de inscripción remata o vindeiro 30 de outubro

O obradoiro de ópera retransmitirá en directo a totalidade das obras do seu programa

Os participantes poderán obter dous créditos de libre configuración ou un ETCS

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
S. Alcázar DUVI 20/10/2009
Os amantes da música clásica, pertencentes ou non á comunidade universitaria ou ao conservatorio, poderán matricularse no obradoiro de iniciación á ópera, que este ano alcanza a súa oitava edición, e no cal terán a ocasión de disfrutar da retransmisión en directo de cinco obras da tempada do Liceu de Barcelona e unha do Teatro Real de Madrid, todas subtituladas en galego.
Segundo o técnico de Actividades Culturais, Alfonso Caride “o gran valor deste obradoiro son as transmisións en directo das óperas, incluída a do Teatro Real de Madrid, que outros anos transmitiuse en diferido”. As obras poderán visionarse en tempo real no Salón de Actos da Escola de Enxeñaría Técnica Industrial, que conta cunha importante dotación tecnolóxica. “Fai dous anos fixéronse reformas para dotar ó Salón de Actos cun sistema de audio 5.1 que proporciona unha calidade de son e imaxe moi boa”, sinala Alfonso Caride.
Este proxecto de iniciación á ópera suscita moito interese entre a comunidade universitaria, xa que destaca polo seu contido novidoso entre o resto de obradoiros ofertados pola Universidade, ademáis de estar adaptado ó novo plan de Espazo Europeo de Educación Superior.

Programa formativo desenvolvido por Roberto Relova

Roberto Relova, profesor de Musicoloxía do Conservatorio Superior de Música de Vigo, e tamén recoñecido por asumir a dirección artística do festival Are More e presidir a Asociación de Amigos da Ópera de Vigo, faise cargo unha vez máis do programa formativo que precede á emisión das obras e que consiste nunha serie de directrices da ópera en xeral e datos sobre a obra a visionar, así como instruccións sobre as características vocais e orquestrais da obra e as claves de lectura da producción.
Ademais, o curso complementarase cunha presentación previa duns 10-15 minutos de duración nos que se tratará de situar a ópera no seu momento histórico, na evolución da música teatral e na propia obra do compositor, con contidos elaborados polo propio Liceu e cun portal en Internet que contén informacións suplementarias.
O programa formativo celebrarase os días 3, 4 e 5 de novembro, mentres que as retransmisións darán comezo o 10 de novembro, coa peza do compositor Karol Szymanowski, Król Roger, e seguidas por Il Trovatore de Giuseppe Verdi, Andrea Chénier de Umberto Giordano, La Fille du Régimet de Gaetano Donizetti, Die Entführung Aus dem Serail de W. A. Mozart e por último, o 19 de maio terá lugar o visionado da obra Der rosenkavalier de Richard Strauss.

Matrícula aberta ata o 30 de outubro

Os interesados neste obradoiro teñen de prazo ata o vindeiro venres 30 de outubro para inscribirse, e poden facelo na oficina de Extensión Cultural ou en calquera dos rexistros auxiliares de Vigo, Ourense e Pontevedra. O prezo desta actividade é de 40 euros para o público en xeral, 30 para os membros da comunidade universitaria e 20 para os estudantes bolseiros. Ademáis, os asistentes (tanto o estudantado universitario como o alumnado do conservatorio) poderán obter dous créditos de libre configuración, ou ben un ECTS.