DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O curso desenvólvese nestas semanas na serra do Galiñeiro

Un obradoiro permite iniciarse na escalada

Inserido na programación de extensión universitaria da Vicerreitoría

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI Pontevedra 18/04/2023

Establecer un primeiro contacto coa escalada en rocha, para logo ir avanzando nas técnicas de progresión ata conseguir ser autónomo na práctica deste deporte. Ese é o propósito central do obradoiro Escalada en rocha en vías equipadas dun longo, inserido na programación de Extensión Universitaria da Vicerreitoría do campus e que nestas semanas se desenvolve na serra do Galiñeiro. Aberto só a participación de persoas que tiveran superado previamente un curso de iniciación acreditado, este obradoiro dirixido pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Águeda Gutiérrez dá, á súa vez, continuidade aos obradoiros de escalada en rocódromo que se desenvolven neste centro do campus desde 2017.

De feito, foi a propia demanda do alumnado destes cursos no rocódromo, polos que pasaron xa máis de 80 persoas e que se insiren tamén na programación de extensión universitaria do campus, a que motivou a posta en marcha en 2021 deste obradoiro de escalada en rocha, que ten tamén como principal docente ao seleccionador galego de escalada e responsable do programa de tecnificación da Federación Galega de Montañismo, José Juan Domínguez. Tras seis anos promovendo estes obradoiros, Gutiérrez fai nese senso “unha valoración moi positiva” do interese que espertan estas actividades, na que participaron ao longo destes anos tanto estudantes da facultade e doutros centros do campus, como persoal da Universidade, titulados e tituladas e persoas alleas á institución académica. 

Seguridade e progresión

A maioría das e dos participantes nesta terceira edición do obradoiro de escalada en rocha foron previamente alumnos do curso de iniciación, “pero tamén hai persoas que volven repetilo co obxectivo de afianzar coñecementos e coñecer novos sectores da escalada”, sinala Gutiérrez. Dirixido nese senso a persoas con coñecementos previos, este curso arrancou no rocódromo da facultade cunha sesión introdutoria, dirixida a incidir de novo nos aspectos e equipos de seguridade, para logo trasladarse á serra do Galiñeiro. “Os contidos mantéñense como en pasadas edicións”, sinala Domínguez, que explica que un dos aspectos centrais desta formación son “as manobras de seguridade que tan só se dan na rocha”, como as “manobras de descolgue pechado, descolgue dubidoso, abandono ou desmontaxe de vías diagonais”, así como dos “riscos obxectivos en canto a potenciais caídas perigosas e como minimizalas”.

Cos aspectos de seguridade, os sistemas de progresión e o aseguramento como aspectos centrais, os responsables desta formación buscan a partir de aí que o alumnado poida enfrontarse progresivamente “a itinerarios de maior dificultade coas maiores garantías”, como salienta o tamén adestrador do Club de Montaña Aromon. Con esa idea, as primeiras ascensións realízanse na modalidade top-rop, na que a corda pola que escalan atópase fixada ao final da vía pola que ascenden, o que permite depurar as manobras de progresión e seguridade. A partir de aí, enfrontaranse tamén a escaladas como “primeiro de corda”, aquel que vai fixando as cintas nas ancoraxes, en primeiro termo en vías moi sinxelas, para logo ir aumentando o grao de dificultade, co obxectivo final de que adquiran os coñecementos suficientes para poder practicar este deporte con autonomía.