DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Educando aos participantes na responsabilidade que conleva conducir

O obradoiro de seguridade viaria despídese ata o próximo curso

A última clase desenvolverase no karting

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 02/12/2008

A seguridade viaria esperta moito interese na actualidade, xa que alta sinistralidade de tráfico fai que sexa necesario ser máis precavidos á hora de circular polas estradas. Tomando como punto de partida esta reflexión e por segundo ano consecutivo, a Universidade de Vigo incluíu dentro da súa programación o obradoiro de educación viaria que tras todo un cuadrimestre cheo de actividades chega ao seu fin. Para Ángelica Ferro, coordinadora da actividade e membro da Asociación PAT (Prevención de Accidentes de Tráfico), o balance do obradoiro é positivo, “aínda que custou arrincar, pouco a pouco a xente implicouse máis nas actividades”. O curso tiña entre os seus obxectivos “educar aos participantes na responsabilidade que conleva circular pola estrada e previr os accidentes de tráfico”, explicou Ferro "ademais de fomentar unha mobilidade segura en todo tipo de desprazamentos”.
Os participantes deste obradoiro gratuíto contan con idades comprendidas entre os 22 e 25 anos e principalmente proveñen dos últimos cursos das titulacións de Ciencias da Educación. Non é estraña a súa procedencia xa que o obradoiro “ademais de formar individualmente en seguridade viaria pretender servir de axuda aos futuros docentes”, dixo Ferro.

Repaso ao curso

A longo de 10 clases os alumnos adquiriron coñecementos que de seguro poderán aplicar na súa vida diaria. Nas sesións teóricas destacaron as visitas de Máximo Cid, policía local de Ourense, que contou as súas experiencias e Ignacio Rafael Ramos, bombeiro da cidade, que explicou os sistemas de seguridade dos vehículos actuais. Miguel Barrios, garda civil e José Antonio González, avogado, falaron sobre as multas de tráfico, os radares e os enredos legais e por último Raquel Navas, asesora pedagóxica da Dirección General de Tráfico (DGT) e David Llorente, subdirector xeral de Tráfico, trataron o tema da educación viaria e a discapacidade.
Nas sesións prácticas “que foron ás que máis gustaron aos alumnos”, segundo Ferro, os participantes gozaron dun paseo polas rúas da cidade en bicicleta nunha ruta deseñada por eles mesmos e levando as medidas de protección axeitadas, tamén puideron comprobar o funcionamento dos radares de tráfico e manexalos para medir a velocidade en distintas estradas de Ourense. Xa rematando o curso, a obra teatral O alcol pensa por ti, fíxoos reflexionar sobre os efectos que esta substancia pode ter na vida diaria das persoas e especialmente na seguridade viaria.

Derradeira actividade

O obradoiro remata este martes cunha actividade práctica que xurdiu “a petición dos alumnos”, comentou Ferro. Baixo o lema Corre no circuíto, circula na estrada, os participantes do curso achegaranse ata o Indoor Karting Ourense, onde de xeito gratuíto circularán cos karts durante unha hora. Nesta ocasión a temática a desenvolver é sobre unha das principais causas de sinistrabilidade e mortalidade na mocidade, a velocidade. Trátase de concienciar a mocidade e de educar en valores como a responsabilidade ou o respecto mutuo nos espazos públicos, pero facendo ver “que é compatible coa diversión sempre que esta teña lugar nos sitios axeitados”, concluíu Ferro.