DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O obradoiro de "Visión e Composición Fotográfica" bota a ollada á escola da Gestalt

Pecha a programación do primeiro cuadrimestre no campus de Pontevedra

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 12/01/2010

Este mes remata a quenda de obradoiros do primeiro cuadrimestre en Pontevedra co último deles, centrado na Visión e Composición Fotográfica. Impartico por Antonio Fernández Vacas, o seu obxectivo é "incrementar e perfeccionar os coñecementos daquelas persoas ligadas a calquera das disciplinas da linguaxe visual". Ao longo das súas dez sesións de duración o profesor destaca que pretende "darlle xerarquía á fotografía", pois a meirande parte dos cursos teñen unha orientación práctica e no seu caso quere priorizar a súa faceta como disciplina expresiva.
A programación de obradoiros organizados pola vicerreitoría do campus, cun cartel centrado nas artes escénicas, a linguaxe audiovisual, a solidariedade e o voluntariado, busca achegarlle ao alumnado unha formación complementaria de carácter cultural, máis aló da regrada no plan curricular da súa titulación.

Unha mirada xeral á fotografía como recurso lingüístico

A maioría dos asistentes a este curso, dun total de 21, son alumnado das facultades de Belas Artes e Ciencias Sociais e da Comunicación, e Vacas sinala que orientou os contidos do taller de forma que lles resulten útiles. Deste xeito está simplemente esbozando unha mirada xeral á fotografía como recurso lingüístico, tendo en conta que hai moitas escolas diferentes sobre a estética fotográfica, para motivar ao alumnado a que siga investigando pola súa conta.
Entre os contidos do obradoiro está dedicando un espazo importante para tratar a escola da Gestalt e ás teoría da percepción. “Estamos abordando os esquemas psíquicos da lectura visual, para trazar logo o que se pode denominar un alfabeto visual, aqueles elementos vinculados á linguaxe e á lectura da composición fotográfica”, explica Vacas. O desenvolvemento das aulas é teórico-práctico, centrado na observación e na análise de imaxes, para fomentar que posteriormente o alumnado traia material propio para revisar na clase. Deste xeito, realizouse inicialmente un visionado de imaxes clásicas da historia da fotografía, para pasar a traballar posteriormente con imaxes propias. Como proxecto final, se o tempo o permite, realizarán unha narración visual a partir da proposta de cada alumno.

Complemento ás clases de histora e técnica

César Barbolla, Héctor Anllo, Paula Domínguez e David Muíño son catro dos estudantes asistentes ao taller, que coinciden en sinalar o interese do curso como complemento ás clases de fotografía das súas respectivas carreiras. César é licenciado en Belas Artes e asegura que este obradoiro achega unha perspectiva diferente da fotografía á estudada na facultade, máis centrada na técnica e na historia. "Aquí analizas aspectos de composición que incentivan máis a creatividade", sinala. Confesa tamén que se anotou ao obradoiro para sumar puntos para as oposicións.
Héctor, Paula e David estudan Publicidade e, malia que obter un crédito de libre configuración tamén os animou, aseguran que atopan as clases moi interesantes e unha boa achega ás impartidas na facultade. No caso de Paula, destaca que a súa motivación é tamén "a gran afección que sente pola fotografía", máis alá do ámbito académico e profesional.
Especializado en linguaxe visual, Antonio Fernández Vacas é profesor na Escola de Imaxe e Son de Vigo, onde imparte as materias de Procesos da Imaxe Fotográfica e Tratamento Dixital da Imaxe Fotográfica. Como reporteiro fotográfico realizou medio cento de exposicións e colaboracións con distintas publicacións cun traballo de contido social, relacionado cos dereitos humanos, as discapacidades, a terceira idade, a pobreza, a saúde, a infancia e a mocidade. Algunhas das súas reportaxes, como as realizadas nos campos de refuxiados saharauis ou en diferentes zonas de Latinoamérica, poden verse no seu blog. Desenvolve tamén un labor profesional centrada no ámbito da fotografía e o deseño gráfico publicitarios, a través da empresa Plan B, Comunicación Visual, con clientes como Pizza Móvil, Finsa e os concellos de Vigo, Mos e Redondela.